O Consello de Contas exhorta as mancomunidades a daren máis transparencia na súa xestión
O Consello de Contas exhorta as mancomunidades a daren máis transparencia na súa xestión
O informe advirte de que das 34 mancomunidades existentes hai 9 que "non renden contas ao Consello de Contas no últimos catro exercicios"
O Consello de Contas, un órgano de fiscalización contable das administracións galegas, exhorta ás mancomunidades que xestionan zonas forestais e outros espazos e servizos de carácter público-privado, a ofrecer maior transparencia sobre a súa xestión.
Nun informe enviado ao Parlamento de Galicia e divulgado este venres, o Consello de Constas indica que esa fórmula asociativa de mancomunidades "non pode levar a unha redución do cumprimento dos deberes de transparencia e rendición de contas na xestión dos recursos públicos".
Por iso, convida a unha maior transparencia e a unha "publicidade activa da información sobre as contas anuais que deban renderse e os informes de auditoría de contas e de fiscalización por parte dos órganos de control externo"
Tamén convida as deputacións provinciais a facilitar "asistencia técnica e xurídica para o funcionamento efectivo e a adopción de medidas para a mellora da subministración de información por parte das mancomunidades".
O Consello de Contas, un organismo de control independente, subliña a tutela exercida por Consellería de Facenda e Administración Pública sobre as entidades locais e recomenda á Xunta que "asuma un papel proactivo e de impulso, sen prexuízo da garantía do principio de autonomía local" en favor das mancomunidades con "dificultades".
O informe advirte de que das 34 mancomunidades existentes hai nove delas que "non renden contas ao Consello de Contas nos últimos catro exercicios".
Trátase das mancomunidades de Augas de Rúa-Petín, dos concellos de Carnota e Muros, Comarca de Compostela, Intermunicipal Voluntaria da Baixa Limia, Ribeira Sacra, Servizos de vertedoiro de residuos sólidos urbanos de Pontevedra e Sanxenxo, Terras do Navea-Bibei, Vales do Ulla e Umia e Xallas-Tines-Tambre.
O Consello de contas subliña que dos 313 municipios de Galicia hai 176 (56,23 %) que forman parte dalgunha mancomunidade e 24 concellos que participan en máis dunha.