A chuvia chega a Galicia na fin de semana
A chuvia chega a Galicia na fin de semana
Unha fronte de auga atravesará o territorio galego deixando auga sobre todo esta noite e na madrugada do sábado
A partir do domingo volverá o sol e subirán as temperaturas
Hoxe venres, Galicia quedará baixo a influencia das baixas presións. A responsable é unha borrasca situada ao oeste de Irlanda e que vai atravesar o norte da Península esta noite e a madrugada do sábado.
Como sinala Juan Taboada, de MeteoGalicia, "hoxe nas horas diúrnas teremos un panorama de certo bochorno, con ceos nubrados pero escasas precipitacións. As chuvias vanse concentrar na vindeira noite, sobre todo, na provincia de Pontevedra e no sur e o oeste da provincia da Coruña".
Para o sábado a previsión é de ceo nubrado pola mañá e as chuvias poderían estenderse a puntos de Lugo e Ourense, pero xa de xeito máis débil e ocasional, dando paso novamente ao tempo seco: "O sábado ao mediodía as precipitacións xa desaparecerán e empezarán a abrirse algúns tímidos claros, que van ser moito máis decididos a partir do domingo, cando pola tarde volva predominar o sol e suban as temperaturas", din desde MeteoGalicia. Tempo de sol e praia que como mínimo se agarda que dure ata mediados da semana que vén.