A chuvia e as enchentes dos ríos deixan numerosas incidencias na provincia de Ourense
A chuvia e as enchentes dos ríos deixan numerosas incidencias na provincia de Ourense
Igual que o Miño, está en prealerta o río Limia
A auga baixa con moita forza no río Miño ao seu paso por Ourense. Nas últimas 24 horas triplicou o seu caudal. Agora tende a baixar pero deixa tras de si anegamentos nos paseos, as piscinas, a carón do río e tamén nas zonas termais, completamente cubertas pola auga. Iso aquí en Ourense, pero igual que o Miño está en prealerta o río Limia, e seguen moi pendentes tamén da evolución do río Arnoia. Verín, Oímbra ou Monterrei foron outras das localidades nas que deixaron pegada as enchentes dos ríos.
Remitiu a chuvia e mellorou algo a situación nas últimas horas, con todo as incidencias seguen aparecendo en moitas localidades da provincia. No Carballiño moi preto do centro de saúde unha focha na estrada provocado presumiblemente pola forza da auga que pasaba por baixo impedía o paso esta tarde a coches e peóns.
En Ourense o río Miño que chegou a ter nas últimas horas picos de tres mil metros cúbicos de auga por segundo, baixou lixeiramente pola tarde. Con todo, paseos, pasarelas e zonas termais quedaron cubertas pola auga.
Houbo desbordamentos tamén noutras localidades como por exemplo en Ribadavia.
En prealerta está tamén o río Limia en Ponteliñares e Xinzo. Alí a chuvia das últimas semanas deixa ver de novo a lagoa de Antela. E seguen moi pendentes do río Arnoia, tanto en Arnoia onde a auga estragou por completo as áreas recreativas, como en Baños de Molgas.