A ciberdelincuencia move máis cartos ca o tráfico de drogas
A ciberdelincuencia move máis cartos ca o tráfico de drogas
Fernando Suárez: "Hai que formarse porque calquera pode ser vítima"
Cada once segundos secuéstranse datos no mundo a través da rede. O presidente do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia explica que nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica, a ciberdelincuencia tamén ten cada vez máis espazo en que actuar.
"A día de hoxe a ciberdelincuencia, as mafias que están detrás, moven máis cartos ca o tráfico de drogas, por exemplo".
Fernando Suárez subliña que é preciso investir en ciberseguridade, en recursos materiais, pero sobre todo en capacitación.
"En Galicia, en concreto, estanse a facer ben as cousas. Esa unión do sector público co sector privado que se amosa, por exemplo, na creación do nodo de ciberseguridade de Galicia".
O experto puntualiza que o problema non é só cousa de empresas e administracións, que as persoas usuarias tamén deben formarse e coñecer os riscos de compartir datos na Internet, porque todos podemos ser vítimas deste tipo de delincuencia.
"Pensemos dúas veces antes de publicar calquera tipo de información, antes de contratar calquera servizo e, en caso de ter dúbidas, asesorémonos por profesionais".
Aínda que admite que a seguridade total non existe, considera que o investimento e a concienciación van en aumento.