Publicador de contidos
Publicador de contidos

Entra en vigor a nova normativa sobre o rexistro de viaxeiros

Entra en vigor a nova normativa sobre o rexistro de viaxeiros

As empresas turísticas consideran que vulnera a protección de datos e critican o aumento da carga burocrática

Máis de 18.000 persoas xa foron localizadas por Interior grazas ás empresas que xa incorporaban os datos

G24.gal 01/12/2024 14:15 Última actualización 01/12/2024 15:04

O novo rexistro de viaxeiros que deberán realizar as axencias de viaxes e as empresas hostaleiras e de alugueiro de vehículos sen condutor actívase o dous de decembro coa oposición de todo o sector. Chega sen cambios, malia as queixas e despois de dúas prórrogas.

"Obrígannos a pedirlle ao cliente unha serie de datos que van contra a lei de protección de datos, como, por exemplo, a relación de parentesco entre os hóspedes ou un correo electrónico que nin sequera teñen por que ter", explica Carlota, que traballa na recepción dun hotel de Santiago de Compostela.

A partir do luns, terán que procesar ao redor de medio cento de datos persoais dos seus clientes e enviarllos ao Ministerio do Interior a través dunha nova plataforma dixital nun prazo máximo de 24 horas. Incumprir con esta esixencia pode derivar en multas de ata 30.000 euros.

As empresas turísticas cren que o novo rexistro entorpecerá a experiencia turística dos visitantes e danará a competitividade do sector español.

"Ao mellor a unha empresa pequena suponlle un gasto económico e tecnolóxico importante. Ademais, un rexistro no hotel que debería ser rápido e sinxelo vai volverse lento", comenta.

O sistema está vixente desde 2022 con carácter voluntario. Neste tempo, segundo o Ministerio do Interior, permitiu identificar máis de 18.000 persoas en situación de busca e captura. O Goberno considérao unha ferramenta últil na loita antiterrorista e contra o crime organizado.

Obxectivo do rexistro de viaxeiros

Co rexistro de viaxeiros, o Ministerio do Interior pretende dispoñer de información "precisa e indispensable" para as forzas e corpos de seguridade, porque a normativa estaba obsoleta, xa que o anterior rexistro de pernoitas existe desde 1959 e o control de alugueiro de vehículos desde 1974.

As normativas antigas dos rexistros non recollían as novas modalidades de negocio, como as vivendas turísticas, os portais e as centrais de reservas dixitais, segundo fontes do Ministerio do Interior.

Quen debe facer o rexistro de viaxeiros a partir do 2 de decembro?

A partir do día 2 de decembro deberán facer rexistro de viaxeiros axencias de viaxes, empresas hostaleiras e empresas alugadoras de vehículos sen condutor. Este rexistro está recollido nun real decreto de 2021 e está activo desde 2022, aínda que só será obrigatorio a partir do luns. 

Deben achegar información os hoteis, hostais, pensións, casas de hóspedes, establecementos de turismo rural, cámpings, zonas de estacionamento de autocaravanas, apartamentos, bungalows e outros aloxamentos similares de carácter turístico. 

Tamén deberán achegar información dos clientes os operadores turísticos que presten servizos de intermediación, as plataformas dixitais que dean servizos en España e as alugadoras de vehículos sen condutor.

Que datos deben incorporar?

Os datos que deben dar dos clientes son nome e apelidos, sexo, DNI, nacionalidade, data de nacemento, lugar de residencia habitual, teléfonos, correo electrónico, número de viaxeiros e relación de parentesco, no caso de que algún sexa menor de idade, e os datos da transacción. Ademais, os provedores do servizo teñen que comunicar o seu nome, DNI ou CIF, municipio, provincia, teléfono, dirección de correo electrónico, web da empresa, datos do establecemento e outros da transacción, como o tipo de pago, o titular do medio de pago ou a data de caducidade da tarxeta bancaria, entre outros. 

Máis de 18.000 persoas xa foron localizadas por Interior grazas ás empresas que xa incorporaban os datos

Ata o de agora, as empresas xa achegaron 4,77 millóns de datos á aplicación. Foron achegados por 61.540 establecementos hostaleiros, 1.094 axencias de viaxes, 222 plataformas dixitais e 1.720 empresas de alugueiro de vehículos.

Con eles, o Ministerio do Interior localizou 18.584 persoas sobre as que constaba algunha requisitoria policial e que figuraban en bases de datos de sinalizacións nacionais ou no sistema de información do Espazo Schengen.

Estas máis de 18.000 persoas están vinculadas con operacións policiais, pero non significa que sexan delincuentes en potencia, senón que pode darse o caso de que unicamente se requira algunha información valiosa para o caso, normalmente de terrorismo, criminalidade organizada ou criminalidade grave.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos