A Científica conclúe que o incendio no edificio de Vigo xurdiu no cadro eléctrico do portal
A Científica conclúe que o incendio no edificio de Vigo xurdiu no cadro eléctrico do portal
No informe policial mantense que non existiron aceleradores de ningún tipo e que o lume se produciu de maneira fortuíta
A causa do incendio nun edificio de Vigo que na madrugada do pasado 11 de outubro acabou coa vida dunha nai e tres dos seus fillos e que deixou nove persoas hospitalizadas con feridas de diversa gravidade, produciuse de maneira fortuíta no cadro de luces do portal do inmoble.
É a primeira conclusión do último informe da Policía Científica, que se fixo cargo da investigación, e nel mantense que non existiron aceleradores de ningún tipo e que o lume se produciu de maneira fortuíta.
O informe, pendente aínda de ser enviado ao xulgado de Instrución número 1 de Vigo, que é o que leva o caso, confirma deste xeito as primeiras impresións da Policía e descarta as acusacións que se verteron sobre un antigo veciño por parte dalgúns moradores deste edificio, todo el ocupado no momento do incendio.
A policía, de feito, investigou este antigo veciño, pero descartou a súa autoría ao xeolocalizar o seu teléfono móbil e comprobar que se atopaba fóra da cidade no momento en que se produciu o suceso.
Que o lume se iniciase no cadro de luces do portal do edificio era unha posibilidade certa, tal e como avisaran os bombeiros de Vigo en polo menos un dos informes que remitiron ao Concello tras intervir en diferentes ocasións neste inmoble, do que advertiron repetidamente que se atopaba en moi malas condicións.
Do mesmo xeito que os bombeiros, persoal de ambulancias, que tamén pasou polo edificio en diferentes ocasións, lembra que polo tiro da escaleira baixaban de calquera xeito multitude de cables, algúns pelados, que se conectaban ilegalmente á corrente eléctrica.
O portal do edificio, agora precintado pola policía por un tabique e unha porta metálica da que penden dous peluches, servía de aparcadoiro antes do incendio para unha moto e bicicletas, e de rocho para a acumulación de aveños por parte dos veciños.
Cando o lume se desatou, todo este material serviu de combustible para avivar as lapas causantes dunha traxedia que conmoveu a toda a cidade.