Fai un ano do incendio do edificio de Vigo en que morreu unha muller e tres dos seus fillos
Fai un ano do incendio do edificio de Vigo en que morreu unha muller e tres dos seus fillos
O marido da falecida e pai dos pequenos mortos no incendio logrou ser rescatado canda a súa filla pequena
Este sábado convocouse unha concentración diante do edificio para recordar o sucedido
Este venres fai un ano do terrible incendio nun edificio ocupado de Vigo. Falecían unha nai e tres dos seus fillos. 365 días despois, os que foron testemuñas daquela traxedia na rúa Afonso X seguen insistindo en que o suceso puido evitarse.
No incendio perderon a vida unha muller e tres dos seus fillos, de once, doce e catorce anos. Nunha ventá o marido e a filla pequena que puideron ser rescatados. "O pai estivo en coma durante bastante tempo e a pequena sofre importantes secuelas psicolóxicas. Están desfeitos. Foi unha experiencia dura, cruel e evitable".
Existía un informe sobre o mal estado da instalación eléctrica. O lume comezou no cadro do portal. No edificio, que estaba abandonado, residían en situación de ocupación unhas 30 persoas. "É moi triste que aínda haxa xente que teña que vivir nunhas condicións que non son as adecuadas. Fai falta máis vivenda social", comenta unha veciña do barrio.
Imposible esquecer o acontecido. "É moi triste porque faleceron persoas e cada vez que miras para a ventá e ves as manchas de fume onde estaba o home coa súa filla non podes evitar un arreguizo".
A día de hoxe o edificio permanece tapiado.