Publicador de contidos
Publicador de contidos

A CNMC inicia expedente sancionador contra o Grupo Endesa por posibles prácticas anticompetitivas

A CNMC inicia expedente sancionador contra o Grupo Endesa por posibles prácticas anticompetitivas

Cre que puido dar un trato "discriminatorio e preferente" á resolución de solicitudes, reclamacións e incidencias das súas propias filiais en detrimento de terceiras empresas competidoras

Imaxe de arquivo (EFE/Daniel González) Imaxe de arquivo (EFE/Daniel González)
G24.gal 10/07/2024 09:33

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) iniciou un expediente sancionador contra varias empresas do Grupo Endesa por posibles prácticas anticompetitivas, entre elas, poder dar un trato "discriminatorio e preferente" á resolución de solicitudes, reclamacións e incidencias das súas propias filiais, en detrimento de terceiras empresas competidoras.

Nun comunicado, o organismo presidido por Cani Fernández indicou que está a investigar a  E-DISTRIBUCIÓN Redes Digitales, Endesa Operaciones y Servicios Comerciales e as súas respectivas matrices Endesa e Endesa Energía por un posible abuso de posición de dominio no mercado da distribución eléctrica.

As prácticas, segundo a CNMC, afectarían a todos os territorios onde o Grupo Endesa opera como distribuidora: Andalucía, Aragón, parte de Castela e León, Cataluña, Galicia, Illas Baleares, Illas Canarias, cidade autónoma de Ceuta e a provincia de Badaxoz.

Neste contexto, o superregulador destacou que a investigación se centra no presunto trato "discriminatorio e preferente" que a enerxética daría á resolución de solicitudes, reclamacións e incidencias das súas propias filiais en detrimento de terceiras empresas competidoras.

Entre outros, analízanse os trámites relacionados coa comercialización de enerxía eléctrica, a instalación de equipos e prestación de servizos de medida eléctrica, a prestación de servizos enerxéticos e a instalación e operación do autoconsumo, vinculado ao mercado de xeración distribuída.

A CNMC recibiu varias denuncias contra E-DISTRIBUCIÓN por prácticas contrarias á Lei de Defensa da Competencia (LDC) e iniciou unha información reservada; en xuño de 2023, persoal da CNMC inspeccionou dúas sedes de varias sociedades do Grupo Endesa.

A CNMC sinalou que a incoación deste expediente por posibles condutas contrarias ao artigo 2 da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia (LDC) e ao artigo 102 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea non prexulga o resultado da investigación, á vez que se abriu un período máximo de 24 meses para a súa instrución e resolución.

Endesa di que cumpriu escrupulosamente a lexislación

Pola súa banda, fontes de Endesa indicaron a Europa Press que E-DISTRIBUCIÓN actuou en todo momento "cumprindo a lexislación e respectando escrupulosamente o principio de neutralidade que rexe o funcionamento das distribuidoras de electricidade no seu trato coas distintas comercializadoras existentes no mercado, que garante que non se produce ningún trato de favor a ningún axente".

Ademais, a eléctrica lembrou que a apertura do expediente non prexulga o resultado da investigación, na que a compañía destacou que colaborou achegando toda a información requirida e que seguirá colaborando en todo o que solicite.

Así mesmo, Endesa subliñou que a vontade de actuar como un axente facilitador do autoconsumo queda de manifesto nas medidas implementadas por E-DISTRIBUCIÓN "para acelerar e facilitar o procedemento de activación dos autoconsumos e mellorar a información a todos os axentes implicados".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade