A colleita de pataca na Limia verase reducida nun vinte por cento con respecto a outros anos
A colleita de pataca na Limia verase reducida nun vinte por cento con respecto a outros anos
A chuvia intensa que caeu no principio do verán e o mildio afectaron a produción
Os produtores de pataca na Limia falan dunha mingua na colleita deste ano que pode roldar o vinte por cento. O motivo: a chuvia intensa que caeu no principio do verán e o mildio que afectou unha parte da produción. A colleita empezou algo adiantada este ano, hai arredor dunha semana, din que a parte positiva é que a pataca apañada ata o de agora é de bo tamaño e moi boa calidade.
Amador prepara para a venda a pataca que recolleu nos últimos días. Desta vez a cantidade será algo menor que outros anos. Algunhas das súas leiras víronse afectadas pola chuvia intensa caída a finais de maio e principios de xuño.
"No meu caso houbo que agradar, houbo que destruílas. Afectounos nun 20-25 por cento, depende da explotación e das leiras que auga levou naquel momento. Polo demais as que quedaron en principio estamos contentos porque hai boa sanidade que é o importante e agora a ver se a choiva nos deixa metelas e entren secas para que haxa un bo almacenamento", explica Amador Díaz, presidente da asociación de produtores de pataca da Limia.
Camilo sementa cada ano arredor de 30 hectáreas de pataca, tamén el conta que a deste ano non será mellor colleita en canto a cantidade.
"Estaba o tempo moi de calor e humidade entón os fungos, o mildio atacou bastante, non se podía entrar nas leiras cos tractores... Eu creo que un 15 ou 20 por cento de mingua si que haberá. Pillounas a todas cando empezaban a agromar e algunhas xa estaban nacidas, e o estar moito tempo con auga se asfixian as raíces, a terra ponse dura, non tira, póñense verdes e si que hai minguas", conta o agricultor Camilo Maus.
Lembran que a día de hoxe as patacas que se recollen son as máis temperás, as que se viron menos afectadas por esas choivas da primavera. De media a mingua estará, calculan, nun vinte por cento.
"Agardábanse baixadas de entorno o 30 ou o 40 por cento e realmente o que se está vendo agora en campo, nas primeiras parcelas que se están arrancando, as producións saen bastante ben, sobre todo variedades como a kennebeck, estamos obtendo producións mesmo superiores ás do ano pasado, e variedades para industria que quizais é o forte da Limia, esas variedades que van o mercado nacional para a produción de patacas fritas, aí quizais se vai ver máis esa baixa na produción", apunta Servando Álvarez, técnico do Inorde.
A Limia produce anualmente case 120 millóns de quilos de pataca.