A Comisión de Saúde Pública reforzará a información e as medidas para a detección e control da varíola do mono
A Comisión de Saúde Pública reforzará a información e as medidas para a detección e control da varíola do mono
A Comisión de Saúde Pública reforzará a información e as medidas para a detección e control da varíola do mono
A Comisión de Saúde Pública acorda non vacinar todos os viaxeiros que acudan a países con casos de mpox
Galicia acordou, xunto ao resto de comunidades autónomas e ao Ministerio de Sanidade, no marco da Comisión de Saúde Pública, reforzar a información e as medidas para a detección e control da varíola do mono (mpox).
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, confirmou que Galicia está a intensificar a vixilancia epidemiolóxica de mpox, así como o seu control e prevención primaria a través da vacinación dos contactos estreitos e grupos de risco.
A Consellería de Sanidade vacinou 1.420 persoas, das que 871 completaron a pauta con dúas doses.
Neste sentido, comezouse a recaptar as 549 que contan só cunha dose para proceder á administración da segunda.
Precisamente sobre vacinación, a directora xeral requiriu información ao Ministerio sobre as vacinas dispoñibles e cando as recibirían as comunidades autónomas. Outra solicitude do Goberno galego á que accedeu Sanidade é a de informar sobre a varíola do mono nos lugares onde se reciben viaxeiros, como é o caso dos aeroportos.
A Administración galega puxo en marcha tamén a intensificación da información a profesionais e a cidadáns.
Os centros de vacinación internacional dos hospitais galegos, especialmente no caso de viaxeiros a zonas afectadas pola varíola, farán unha avaliación do risco, caso por caso, segundo o tipo de viaxe para realizar as recomendacións oportunas sobre a enfermidade.
A Dirección Xeral de Saúde Pública transmite tranquilidade á cidadanía galega, "xa que na nosa comunidade só foron detectados seis casos de mpox no que vai de ano".
Non se vacinará a todos os viaxeiros de países con mpox
O Ministerio de Sanidade comunicou que non se vacinará ao 100 % dos viaxeiros que acudan a países con casos mpox.
Sanidade informou de que polo momento se están terminado de definir os grupos concretos de viaxeiros aos que se lles ofrecerá a vacina en función da viaxe e as características persoais.
Durante o encontro tamén se acordou que se manteña a estratexia de vacinación aos grupos de risco: persoas que realicen prácticas sexuais de risco ou persoas con risco ocupacional, como o traballo en consultas de ITS, que manexen mostras de laboratorio de mpox ou que limpen lugares onde se realizaron prácticas sexuais de risco.
Neste sentido, o Ministerio de Sanidade recalcou que "actualmente hai stock de doses suficientes, ademais, pódese contar coas que se atopan na reserva estratéxica".
Tras a reunión, tamén se mantén a intención de traballar en orixe coa doazón de doses aos países afectados, que, segundo Sanidade, é a principal prioridade para o control da emerxencia de saúde pública internacional. Por último, a Comisión de Saúde Pública decidiu que se reforzarán as medidas para a detección e control do mpox.