Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade conclúe que o risco de mpox en España é baixo

Sanidade conclúe que o risco de mpox en España é baixo

O Ministerio agarda casos importados, pero a gravidade da enfermidade sería tamén baixa

G24.gal 23/08/2024 12:33

O Ministerio de Sanidade concluíu que o risco de transmisión de mpox en España é baixo e que aínda que se detectasen casos da variante que circula por África, cousa que ve moi probable, a posibilidade dunha transmisión sostida da enfermidade e un agravamento da mesma serían tamén baixas.

Así o expón na 'Avaliación rápida do risco da expansión do clado I do virus de mpox nalgúns países de África' que acaba de publicar o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), no que resolve que as medidas que empezaron a impoñerse en 2022 "axudarían a limitar a transmisión no noso país".

O Centro de Coordinación chegou a esta conclusión tras avaliar os datos dispoñibles daquel primeiro gromo pola variante ou clado II e os da epidemia que está a causar o clado I en distintos países africanos.

Desde 2022, en España detectáronse 8.111 casos de mpox, a inmensa maioría (92,7 %) o primeiro ano do gromo e preto de tres cuartas partes en homes gays, bisexuais e outros homes que teñen sexo con homes (GBHSH).

Este ano, ata o 19 de agosto, notificáronse á Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE) un total de 267 casos, dos que 249 eran homes e 5 mulleres, con idades que oscilaron entre os 6 e 68 anos, cunha idade media de 37 anos. O 62,2 % dos casos tiña entre 30 e 49 anos e o 52% dos casos naceran en España.

O Centro de Alertas recoñece que "nestes momentos hai aínda falta de coñecemento sobre múltiples aspectos epidemiolóxicos, modos de transmisión, morbilidade e mortalidade asociadas con infeccións cos diferentes clados e subclados" de mpox e que "hai incerteza" pola insuficiencia dos datos achegados por África en canto á detección e notificación de casos e a súa capacidade de laboratorio.

A evolución do foco tamén pode verse afectada "polos conflitos en curso e os desafíos humanitarios en certas áreas" da República Democrática do Congo e países da zona que "obstaculizan a implementación de medidas de control, aumentando o risco de propagación e a subsecuente introdución de casos importados en países non afectados na actualidade.

Este ano, en España non se rexistraron voos directos desde os países afectados e "foron poucas as escalas realizadas por buques procedentes das áreas de risco", e aínda que hai un número "significativo" de españois que viaxan a Quenia, o dos que o fan ao Congo, o máis afectado, "é moi baixo".

A probabilidade de infección nos viaxeiros a zonas afectadas "será variable, dependendo do perfil da viaxe e se durante a súa estancia se produce contacto prolongado e estreito con persoas enfermas", algo que se terá que valorar nos Centros de Vacinación Internacional, "onde se darán as recomendacións oportunas", incluíndo a vacinación.

Con todo, e aínda que existe a posibilidade de que se detecten casos importados de mpox por clado I en España, a actual estratexia "axudarían a limitar a transmisión".

E cando cheguen, "a gravidade da enfermidade sería baixa na maioría dos casos", aínda que en persoas inmunodeprimidas e aquelas con unha infección por VIH non tratada poderían darse complicacións.

"Así pois, o risco para a poboación xeral en España considérase baixo con moi baixa probabilidade de transmisión e un impacto baixo", iso a condición de que os casos "se se diagnostiquen rapidamente e se implementen medidas de control".

Tamén será fundamental continuar caracterizando a dinámica do gromo para mellorar o coñecemento e identificar posibles cambios no comportamento do virus ou no perfil da poboación a maior risco para adaptar as recomendacións á mellor evidencia dispoñible en cada momento. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade