Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia completará a pauta de vacinación contra a mpox daqueles que xa puxeran a primeira dose

Galicia completará a pauta de vacinación contra a mpox daqueles que xa puxeran a primeira dose

Pedirá ao Goberno que se intensifique a información sobre esta enfermidade nos lugares que reciben viaxeiros das zonas afectadas

O Comité de Seguridade Sanitaria da UE descarta controis en fronteira polo mpox

(Europa Press/Zanem Nety Zaidi) (Europa Press/Zanem Nety Zaidi)
G24.gal 19/08/2024 19:39

A Xunta decidiu reforzar as medidas preventivas fronte ao mpox e recaptará os pacientes que só teñen unha dose da vacina para que completen a pauta de inmunización, mentres que nas reunións co Ministerio de Sanidade pedirá que se intensifique a información sobre esta enfermidade nos lugares que reciben viaxeiros das zonas afectadas pola nova variante.

O Executivo galego explica nun comunicado que o obxectivo é que o viaxeiro dispoña de toda a información para que, en caso da aparición de síntomas característicos como poden ser as lesións na pel, saber que facer e onde acudir.

Nas reunións con Sanidade, os representantes de Saúde Pública de Galicia tamén solicitarán información sobre as doses de vacinas contra a varíola do mono das que dispón o Ministerio de Sanidade, así como se a súa subministración é inmediata.

Mentres, no seu ámbito de actuación, Galicia optou por tomar medidas como a intensificación da campaña informativa que xa se estaba levando a cabo para os profesionais e a cidadanía.

Ademais, recaptará os 549 pacientes que se vacinaron só cunha dose para que completen a pauta de inmunización. Outras 871 persoas si contan coa pauta completa.

Así mesmo, identificaranse en Galicia as variantes dos casos de varíola do mono a través da secuenciación e intensificarase a vixilancia epidemiolóxica desta enfermidade, así como o seu control e a prevención primaria, a través da vacinación dos contactos estreitos e grupos de risco.

En todo caso, a Xunta enviou unha mensaxe de tranquilidade á poboación galega xa que "só" se detectaron seis casos este ano.

Lembra a administración autonómica que conta cun sistema de vixilancia epidemiolóxica e control de enfermidades activo (detección precoz de casos e os seus contactos, PCR e secuenciación, que posibilita coñecer as variantes), ademais da prevención primaria a través de vacinación e medidas preventivas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade