O Sergas avisa máis de 500 persoas para poñer a segunda dose da vacina contra a mpox
O Sergas avisa máis de 500 persoas para poñer a segunda dose da vacina contra a mpox
Este ano en Galicia só houbo seis casos deste virus da anteriormente coñecida como varíola do mono
En todo 2024, en Galicia só houbo seis casos de mpox, e os seis son da súa subliñaxe menos grave, non da que este verán provocou a alerta da OMS polo gromo na República Democrática do Congo. Mesmo así, os centros de vacinación internacional dos hospitais galegos están a informar as persoas que viaxen a todos países onde se detectaron gromos.
O contacto estreito e prolongado, pel con pel, é a vía principal de contaxio. Por iso a vacina non está indicada de xeito universal.
"Se o que teño é unha viaxe organizada para un safari fotográfico probablemente non se me indique a vacina. Pero, en cambio, se son un cooperante, un sanitario ou vou visitar familiares ou amigos próximos nunha zona onde hai un gromo, avaliarase por parte do médico preventivista e probablemente si que se me indique a vacina", declarou Carmen Durán Parrondo, a Directora xeral de Saúde Pública:
En Galicia só se detectaron seis casos de mpox en 2024 e todos da subvariante menos grave, a mesma que circulou en 2022.
"É importante trasladar unha mensaxe de tranquilidade. Aínda que só tivemos seis casos, nunca baixamos a garda e mantivemos un sistema de vixilancia epidemiolóxica co obxectivo de poder ter unha detección precoz de casos e de posibles contactos, e ademais aumentamos significativamete a nosa capacidade de diagnóstico e de secuenciación", di a doutora Durán Parrondo.
Hai xa 1.400 persoas vacinadas, unhas 900 con dúas doses; e estase chamando aos 500 que restan para completar a pauta con esta vacina, que vale para os clados 1A e 2A.
Sanidade está tamén a facer unha captación activa de persoas que pertencen a grupos de risco e que aínda non se vacinaron.