Bolaños anuncia un control interno do CNI, que Cataluña ve insuficiente
Bolaños anuncia un control interno do CNI, que Cataluña ve insuficiente
O Defensor do Pobo vai investigar de oficio o caso da suposta espionaxe a máis de 60 políticos e activistas independentistas
Tamén se constituirá de xeito inmediato a comisión de Segredos Oficiais do Congreso para aclarar as denuncias
A conselleira da presidencia catalá, Laura Vilagrá, recibía no seu despacho no Palau da Generalitat o ministro Felix Bolaños. Sobre a mesa de traballo pesan as acusacións de ciberespionaxe a 60 dirixentes e activistas do independentismo e a ameaza do presidente catalán de romper o acordo de investidura. Tras o encontro, o ministro da Presidencia daba conta dos mecanismos que o Goberno vai pór en marcha para aclarar o sucedido:
Un exercicio de control interno no CNI, facilitar as actuacións do Defensor do Pobo para aclarar os feitos, unha comisión parlamentaria na que todos os grupos poidan ter acceso á información e documentación secreta, para que poidan coñecer cal foi o exercicio producido e, en cuarto lugar, unha disposición total a colaborar coa xustiza desclasificando documentación se fora necesario
O ministro subliñou que as institucións do país actúan dentro da lei, respectan os dereitos fundamentais e están sometidas a control xudicial e fano en silencio. Fano cada día, coas garantías do Estado de dereito pretenden a máxima eficacia, a máxima protección do seu país e a máxima legalidade nas súas actuacións.
Os servizos de intelixencia, en todas as sociedades avanzadas e España éo, actúan cada día para salvar vidas e protexer os cidadáns.
O Defensor do Pobo vai abrir unha investigación de oficio sobre a presunta espionaxe aos líderes independentistas co programa Pegasus. Desenvolto por unha empresa israelí, permite infectar e controlar os teléfonos sen deixar rastro.