Bruxelas limita a nove meses a validez do certificado covid sen dose de reforzo
Bruxelas limita a nove meses a validez do certificado covid sen dose de reforzo
Bruxelas non decidiu aínda o tempo de vixencia do documento coa terceira dose administrada
A comisaria de Sanidade insta os estados membros a establecer a mesma validez no documento para o acceso a bares e restaurantes
A Comisión Europea decidiu este martes limitar a nove meses a validez do certificado covid para viaxar pola Unión Europea sen dose de reforzo; a medida entrará en vigor o 1 de febreiro de 2022 se os países europeos non presentan alegacións.
Bruxelas pretende así impulsar a dose de reforzo ante a constatación de que os anticorpos se reducen pasados seis meses desde a última dose e harmonizar os requisitos que impoñen os gobernos europeos para poder viaxar pola UE.
O Executivo comunitario precisou que a súa proposta non interfire coas restricións que diversos Estados membros están a impoñer actualmente ante o avance da variante ómicron, como a obrigatoriedade de presentar un test negativo en SARS- CoV-2 mesmo para as persoas vacinadas.
"Resposta de emerxencia"
"Isto é unha especie de resposta de emerxencia nesta clara situación da variante ómicron", dixo o portavoz de Interior da Comisión, Christian Wigand, que reiterou a petición de Bruxelas de que estas restricións sexan "proporcionadas e que duren o menos posible".
A institución precisou tamén que aínda non determinou a validez do certificado covid unha vez obtida a dose de reforzo, porque aínda se necesita solicitar información sobre canto tempo duran os anticorpos neste último caso.
A proposta está pensada unicamente para harmonizar o uso do certificado á hora de viaxar pola zona Schengen, pero Bruxelas instou os países da UE para estender tamén a nove meses a validez do documento cando se requira para entrar en bares ou restaurantes, en aras da "claridade" cara aos cidadáns.
"Un período de validez harmonizado do certificado covid é unha necesidade para unha segura liberdade de movemento e unha coordinación a nivel europeo", sinalou a comisaria de Sanidade, Stella Kyriakides, que instou a acelerar as campañas de vacinación da dose de reforzo.
O comisario de Xustiza, Didier Reynders, engadiu que "as medidas unilaterais nos estados membros non devolverán a fragmentación e as incertezas que vimos a pasada primavera".
A proposta tamén regulou a forma en que se terá que mostrar no certificado a dose de reforzo. O documento deberá especificar que o seu portador recibiu 3/3 doses ou 2/1 no caso da vacina monodose de Janssen.