Publicador de contidos

Publicador de contidos

A compañía do helicóptero sinistrado en Nova York deixará de operar "de inmediato"

A compañía do helicóptero sinistrado en Nova York deixará de operar "de inmediato"

A Administración Federal de Aviación anuncia unha revisión da licenza e do historial de seguridade do operador turístico

O líder dos demócratas no Senado, Chuck Schumer, apunta que a compañía "podería estar a priorizar os seus beneficios por encima das persoas" ao traballar "con garantías de seguridade mínimas"

Reuters/Eduardo Munoz Reuters/Eduardo Munoz
G24.gal 14/04/2025 08:30

New York Helicopter, a compañía propietaria do helicóptero turístico involucrado esta semana en Nova York nun accidente que se saldou coa morte de cinco españois e o seu piloto estadounidense, deixará de operar "de inmediato", segundo adiantou este domingo a Administración Federal de Aviación (FAA polas súas siglas en inglés) estadounidense.

"A compañía involucrada no accidente mortal no río Hudson a principios desta semana, pechará as súas operacións de inmediato", reza a mensaxe publicada na rede social X pola FAA.

A mensaxe engade que o organismo federal seguirá apoiando a investigación que está levando a cabo a Xunta Nacional da Seguridade no Transporte (NTSB polas súas siglas en inglés) e que ademais "iniciará unha revisión inmediata da licenza e o historial de seguridade do operador turístico" que xestionaba o helicóptero sinistrado.

O anuncio da suspensión de New York Helicopter prodúcese horas despois de que o líder a minoría demócrata no Senado, Chuck Schumer, pedise en conferencia de prensa á FAA que retirase o seu certificado de operación inmediatamente argumentando que a empresa traballaba "con garantías de seguridade mínimas".

Schumer incidiu en que a aeronave sinistrada tiña 21 anos de antigüidade e apuntou que a compañía "podería estar a priorizar os seus beneficios por encima das persoas".

O sinistro produciuse o xoves tras unha estrepitosa caída na que se puido ver como a aeronave perdía partes da súa fuselaxe no aire.

Os mergulladores do corpo de bombeiros, así como da Policía de Nova York e da veciña Jersey City, sacaron do río Hudson os corpos das seis persoas que viaxaban a bordo, todos falecidos.

A familia falecida estaba conformada polos executivos de Siemens Agustín Escobar, natural de Puertollano (Ciudad Real) e a súa esposa Mercè Camprubí, así como os seus fillos de 10, 8 e 4 anos, mentres que o piloto era Seankese 'Sean' Johnson, expiloto da Mariña estadounidense de 36 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade