Publicador de contidos
Publicador de contidos

A comunidade científica únese a prol da industrialización sostible e a transición ecolóxica de Galicia

A comunidade científica únese a prol da industrialización sostible e a transición ecolóxica de Galicia

Nace o Foro Fieito, con membros das universidades e centros tecnolóxicos de Galicia

Poñen ao servizo da opinión pública os seus coñecementos e experiencias

Pretenden ser unha voz acreditada para avaliar os proxectos industriais que se queren instalar

G24.gal 30/04/2024 14:47

Nace o Foro Fieito, en que participan membros das universidades e centros tecnolóxicos. O obxectivo é poñer os seus coñecementos ao servizo da opinión pública para que poida avaliar de xeito libre e contrastado os proxectos industriais que se queren instalar en Galicia.

Son profesionais da ciencia, da tecnoloxía, das investigacións, da industria..., moitos académicos e académicas, que suman coñecemento e experiencia, e buscan contribuír á industrialización sostible e á transición ecolóxica de Galicia.

Manolo Marey, catedrático da Área de Proxectos de Enxeñería da USC, explicou na presentación do foro que "podemos e debemos participar, avaliar, analizar e dar unha opinión libre para que os proxectos que xurdan en Galicia no futuro sexan mellores e nos permitan ter un futuro mellor para esta terra".

Coinciden que Galicia ten recursos e condicións... e unha oportunidade única para facer, din, unha industria de país e verde.

A directora de IDEGA, Dolores Rivero mantén que "para iso fai falta vontade política, por suposto, fai falta decisión, liderado e  moito coñecemento. A iso podemos contribuír desde un foro coma este"

O Foro Fieito vai poñer sobre a mesa estudos de impacto e alegacións..., nunha análise que, agardan, contribúa na formación da opinión pública.

Luis Miguel Varela é catedrático de Física da USC e impulsor do foro. Di que "a industrialización de Galicia xera preocupación na poboación. E a preocupación pode verse como un axente paralizante ou pode verse como un axente de mellora dos proxectos que nos alerte sobre os perigos e que nos dea pautas aos científicos, aos industriais, aos sindicatos, ás administracións públicas para melloralos e facelos posibles".

Acaban de nacer, pero saben que xa teñen traballo. Por exemplo, con proxectos como o da planta de Altri en Lugo ou no eido da eólica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade