Publicador de contidos
Publicador de contidos

A conexión de alta velocidade entre Madrid e Valencia restablécese o xoves

A conexión de alta velocidade entre Madrid e Valencia restablécese o xoves

Segundo informou o ministro de Política Territorial, a autoestrada A-7 estará operativa o mércores

Anunciou o desprazamento de persoal público á zona cero para axudar na tramitación das axudas

A marea de voluntariado na zona da catástrofe non mingua doce días despois do paso da DINA

Pedro Sánchez presidiu o comité de crise este domingo. EFE/Moncloa/Fernando Calvo
G24.gal 10/11/2024 12:24 Última actualización 10/11/2024 14:38

O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, anunciou que o vindeiro xoves estará operativo o tren de alta velocidade entre Madrid e Valencia.

Ademais, segundo dixo, está previsto que este luns se restableza a circulación na N-330 e o bypass, e o mércores abrirá ao tráfico a autoestrada A-7.

Un momento da comparecencia do ministro de Política Territorial

Nunha comparecencia de prensa para informar da reunión do comité de crise, presidida por Pedro Sánchez este domingo, tamén avanzou que están a traballar na apertura de tramos do tren de proximidade para facilitar o transporte nas zonas afectadas pola DINA.

O ministro insistiu en que a prioridade, nestes momentos, é sacar a lama e todo tipo de obxectos das principais vías asolagadas. Para iso, subliñou que están a traballar as 24 horas do día en catro quendas. Ata o de agora, retiráronse 2.599 coches das estradas.

Asegurou que nestes momentos hai na zona cero 8.500 militares, 10.000 axentes das forzas e corpos de seguridade do Estado e 3.843 medios operativos. Ademais, repartíronse 179.950 litros de auga e 36.000 quilos de racións de alimento. 

Trámite das axudas

Anunciou a celebración este luns dun Consello de Ministros extraordinario e lembrou que xa están aprobados 10.600 millóns de euros en axudas para as persoas damnificadas. Para axudar a tramitalas, un cento de traballadores públicos desprazaranse  ás localidades afectadas.

Ademais, varias unidades móbiles da Policía Nacional e da Garda Civil están na provincia para axilizar a expedición de pasaportes, DNI e outra documentación.

No que respecta ao Consorcio de Compensación de Seguros, dependente do Ministerio de Economía, subliñou que recibiu 150.000 solicitudes, das que tramitou o 51 %, unhas 80.000.

Ángel Víctor Torres insistiu en que "estamos ante a maior despregadura en época de paz acorde á magnitude desta traxedia e deste drama", co obxectivo de alcanzar a normalidade canto antes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade