A patronal de Lugo pide "navegar todos a unha" para garantir o futuro de Alcoa
A patronal de Lugo pide "navegar todos a unha" para garantir o futuro de Alcoa
O secretario xeral da CEL dubida que unha eventual intervención da factoría fose aceptada pola UE
Jaime López bota en falta máis explicacións do Goberno sobre a falta de conexión da rede eléctrica para Altri
O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, pídelle ao Goberno central que actúe tanto para garantir o futuro de Alcoa na Mariña como para facilitar a implantación do proxecto de Altri en Palas de Rei.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, no que atinxe a Alcoa, López bota en falta coordinación e decisión.
¨É fundamental que se navegue todos a unha. O que non pode haber é esta descoordinación ou esta paralización por parte dalgunha das administracións á hora de tomar decisións con respecto que afecta tanto ao emprego en Galicia".
O secretario xeral da CEL dubida, ademais, que unha eventual intervención pública temporal da factoría puidese prosperar. Para López é "un soño falar de intervención" cando estamos falando de libremercado.
"Sería un problema de cara á Unión Europea que seguramente sancionaría ao país no caso de que tomase unha decisión deste tipo", opina.
Respecto ao proxecto que Altri pretende implantar no concello lucense de Palas de Rei, o secretario xeral da CEL considera "insuficientes" as explicacións dadas polo Goberno para non facilitar neste momento conexión á rede eléctrica.
Tamén se laia da falta de axilidade na distribución de fondos europeos de recuperación.
"Se non se toman as medidas oportunas e rápidas neste caso, xa ten ocorrido noutras ocasións, con outros tipo de fondos estruturais europeos que se devolven a Europa por falta de xestión (...) temos que buscar que haxa dinámica fundamental de cara a que se invistan eses cartos que son tan necesarios de cara a poder levar adiante proxectos estratéxicos como é neste caso o de Altri ou ben a situación enerxética de Alcoa".