A Confederación de Empresarios urxe a axilizar a entrada en vigor da lei galega do litoral
A Confederación de Empresarios urxe a axilizar a entrada en vigor da lei galega do litoral
A comisión mar-industria pide agora poñer a atención na modificación das normativas estatais sobre costas
Foron seis meses coa norma en suspenso. A Lei de ordenación e xestión do litoral galego estaba recorrida no Constitucional, que finalmente avalou o groso do texto. A Xunta poderá autorizar a ocupación e os usos do dominio público marítimo-terrestre.
"Sempre entendemos que nos correspondía", afirma Javier Touza, presidente de Arvi. "En base ao artigo 27 do Estatuto de Autonomía, que lle concede a Galicia a competencia exclusiva en ordenación do territorio e do litoral", aclara.
Os empresarios cren que o visto e prace do Tribunal Constitucional reactivará a cadea mar-industria. "Esperemos poder manter os investimentos, e poder desenvolver aqueles paralizados dende hai seis anos, dende aquel inicio da modificación do regulamento de Costas en 2018", afirma Roberto Fariña, presidente da asociación de depuradoras Agade.
A Confederación de Empresarios de Galicia urxe agora a recuperar ese tempo perdido, e pide mecanismos para que a lei se poida aplicar canto antes. Pero agora o que máis preocupa é como queden as normas estatais que afectarán a cadea mar-industria:
"O novo regulamento de Costas e a Lei de cambio climático van marcar moito o que poidamos facer de cara ao futuro", di Juan Manuel Vieites, presidente da CEG. Para el, sería importante que a nova lexislación "sexa amigable" co sector mar-industria "e coa sociedade en xeral".
Temen os empresarios que primen as cuestións medioambientais, e piden un equilibrio: "a sostibilidade por suposto -di Isabel Cañas, directora de relacións externas de Congalsa- pero a parte económica e social tamén nos parece vital por todo o que representa este sector en Galicia".
Calculan que a cadea mar-industria representa máis do 5 % do PIB galego e xera aquí máis de 40.000 empregos directos.