Publicador de contidos
Publicador de contidos

A confraría de Barallobre vende vieira en fresco

A confraría de Barallobre vende vieira en fresco

Os mariscadores prevén extraer preto de 41 toneladas do bivalvo ata o 27 de febreiro

G24.gal 01/02/2025 14:22

En 2024, a confraría de pescadores de Barallobre probou a vender vieira en fresco por primeira vez. A experiencia foi tan positiva e a demanda tan elevada que este ano repite campaña. Ata finais de febreiro prevén extraer máis de corenta toneladas deste bivalvo.

A extracción comezou o vinte de xaneiro con moi boas impresións e un tope diario de mil setecentos quilos. O ano anterior a presenza de toxinas obrigou a interromper a campaña, pero, polo momento, as analíticas diarias están sendo, polo de agora, favorables. Unha parte dos bivalvos comercialízase conxelada, como se fixo sempre, pero outra véndese en fresco despois de ser depurada e eviscerada. 

 "Estamos tendo clientes que veñen buscar vinte ou trinta pezas, xente que se despraza cen ou cento cincuenta quilómetros para vir buscala. A vieira de Ferrol é unha vieira moi boa, sobre todo polo tema do tamaño, que é un tamaño grande, que oscila entre as tres ou catro pezas quilo. É unha vieira que non se adoita ver", explica Jorge López Pena, o patrón maior.

Son vieiras de calidade excelente e de tamaño superior aos doce centímetros, por riba do talle mínimo. Os mércores a vieira fresca véndese por encarga na propia lonxa. A confraría insiste na importancia de esixir sempre que o produto estea convenientemente etiquetado para poder asegurar a súa trazabilidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade