A construción, un sector sen man de obra nin remuda xeracional
A construción, un sector sen man de obra nin remuda xeracional
As empresas de construción calculan que hai arredor de 5.000 postos de traballo sen cubrir en Galicia
A falta de traballadores repercute na escaseza de vivenda nova e nos prezos
A falta de persoal no sector da construción está levando as empresas a rexeitar contratos de obras, tanto públicas como privadas. Desde a Asociación de Empresarios da Construción de Lugo calculan que a día de hoxe hai arredor de 5.000 postos de traballo sen cubrir por este motivo.
"A nivel nacional calculamos que un 72 % das empresas deste país por falta de traballadores tiveron que renunciar a obras. Un 30 % das empresas de obra pública non se presentaron a licitacións por falta de man de obra cualificada", cifra Xosé Manuel Rodríguez, presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo.
Menor capacidade para construír significa unha suba no prezo da vivenda.
"Non hai vivenda nova e se non hai man de obra non se constrúe. É un problema que nos repercute a todos. Se non hai man de obra cualificada, os custos da construción elévanse", advirte Rodríguez.
A crise provocada pola burbulla inmobiliaria hai máis de 15 anos eliminou 100.000 postos de traballo e fixo que os obreiros buscasen outras opcións laborais.
"Non somos un sector atractivo para a xente nova. A formación dual neste país non está funcionando. Este país é, en Europa, o que ten máis universitarios en relación á poboación que ten. Os oficios e a FP están desvalorizados. Non é que non se lle pague á xente, o que pasa é que non hai traballadores cualificados aos que lles pagar", explica o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo.
Nun terzo das empresas a idade media é superior aos 55 anos polo que o sector ve, como noutros países europeos, a solución máis inmediata na poboación migrante.