A Coruña congrega expertos de todo o mundo en produción virtual
A Coruña congrega expertos de todo o mundo en produción virtual
Mundos Dixitais fai da cidade capital en animación, efectos visuais e novos media
Mundos Dixitais é nesta edición punto de encontro de preto de 2.000 profesionais e estudantes do mundo da produción virtual.
"Os responsables de producións como Star Wars, The Mandalorian, Stranger Things, Xogo de tronos e a Sociedade da neve están presentes. Veñen a contarnos non só o que fan senón tamén a ensinar cara onde imos", explica o director do congreso, Manuel Meijide.
O congreso vén de plantar, entre outras iniciativas, o xermolo dunha plataforma que apoie e dea voz os profesionais e empresas da intelixencia artificial.
"Non só medos, que tamén existen, senón oportunidades, intereses ou mesmo experiencias propias, como eu investín en IA por este camiño e foime moi ben ou moi mal e hai que ir por estoutra liña", detalla Alba Meijide, consultura e xestora de proxectos de intelixencia artificial.
Mundos Dixitais desprega ademais a feira de emprego máis grande de Europa no sector, con empresas internacionais á busca de talento e creadores na procura de oportunidades.
"Buscamos artistas que estean dispostos a sacar grandes películas de alta calidade en Netflix, que é con quen temos o acordo agora mesmo", anuncia Dani Matienzo, artist manager dunha das empresas que demanda xente, a empresa Skydance Animation.
"Somos os dous estudantes xa graduados de creación dixital, animación e vídeoxogos. Eu no perfil de rigger e el, no de animador", di un candidato que vai con outro compañeiro.
"El crea o esqueleto e eu doulle vida ao personaxe", engade o compañeiro.
"Dez anos despois, a miña escola invitoume, despois de vir de Nova Zelandia, a darlles unha charla aos alumnos e foi na aula onde estudara eu, e os alumnos eran metade rapaces e metade rapazas", afirma Carolina Jiménez.