A Coruña mobilízase ante o posible ascenso do Deportivo
A Coruña mobilízase ante o posible ascenso do Deportivo
Sigue en directo o encontro a través da TVG ou AGalega.gal
Ilusión e nervios antes de que o Deportivo xogue o ascenso
Neste día clave para o Deportivo da Coruña, a afección sae ás rúas coas cores do seu equipo. Dende primeira hora xa comezaba a respirarse un ambiente festivo.
"Hoxe é o día. Ten que ser", afirma un seguidor.
"Imos ascender si ou si", asegura outro.
"Hai que gañar como sexa e xa temos o título aquí en Riazor ademais", insiste un terceiro.
"Penso que imos sufrir, que o Barça vai dominar, pero que imos gañar igual, cun gol de Mella", vaticina outro.
Conviven o apoio e a ilusión, pero tamén a prudencia e os nervios.
"Festa, nervios, hai de todo. Estamos moi nerviosos", admite un afeccionado.
"Unha emoción que non me deixou durmir en toda a noite", confesa un home.
"Bastante nervioso. Non o imos negar", coincide un mozo.
"Ata as nove non se celebra nada de nada. Animando a morte pero de celebrar nada", di outro seguidor.
Atopamos afeccionados que tiveron que viaxar para vir apoiar o seu equipo, entre eles unha familia asturiana que segue o Deportivo desde hai 20 anos.
"Viñemos de Asturias. Chegamos hai media hora. Quedamos ata mañá se soben e a nena perderá o instituto. Oxalá que quedemos", explica a nai.
"Cheguei esta mañá ás seis e media de Londres e marcho o martes, para ver o Deportivo, que é o meu corazón", conta outro afeccionado.
Tamén demos con socios pequenos ou mesmo no berce lucindo as cores brancos e azuis.
"Ten mes e medio e fixémolo socio hai 15 ou 20 días", contan os pais dun bebé.
"Para animar o Dépor", di unha meniña sobre a camiseta que loce.
A afección non falla e agarda que a ilusión se converta en festa.
"Os catro temos o día pedido libre para mañá, así que ten que gañar", conclúe un grupo de amigos.