Publicador de contidos
Publicador de contidos

A criminalidade baixa un 1,2 % en Galicia en 2023 e os ciberdelitos medran un 4,3 %

A criminalidade baixa un 1,2 % en Galicia en 2023 e os ciberdelitos medran un 4,3 %

No conxunto do Estado, a criminalidade aumentou un 5,9 % o ano pasado arrastrada pola alza da ciberdelincuencia, que foi do 25,5 % 

En 2023 cometéronse en Galicia 811 delitos contra a liberdade sexual, un 25 % máis ca en 2022

Os delitos contra a liberdade sexual aumentaron un 15 % en España

O Ministerio do Interior relaciona este aumento coa predisposición das vítimas a denunciaren

 

G24.gal 29/03/2024 08:26

A criminalidade reduciuse en Galicia un 1,2 % no ano 2023 e os ciberdelitos aumentaron un 4,3 %, segundo o balance de criminalidade do ano 2023 publicado polo Ministerio do Interior.

No conxunto do Estado, a criminalidade aumentou un 5,9 % o ano pasado arrastrada pola alza da ciberdelincuencia, que foi do 25,5 %, aínda que tamén polo dos delitos contra a liberdade sexual, cun aumento do 15 %.

Entre outras cifras, en total o ano pasado cometéronse en Galicia 811 delitos contra a liberdade sexual, un 25 % máis que en 2022, dos que 201 foron agresións con penetración, un 29,7 % máis.

En 2023 rexistráronse 18 asasinatos fronte aos 7 do ano precedente na comunidade galega, un 157,1 % máis; 51 en grao de tentativa (un 13,3 % máis) e 1.132 delitos graves e menos graves de lesións e rifas tumultuarias (un 4,6 % menos).

Ademais producíronse 4 secuestros, un 100 % máis que en 2002, ano en que se contabilizaron 2.

Segundo o balance de criminalidade do ano 2023 publicado polo Ministerio do Interior, o ano pechou con 2.459.659 infraccións penais en España (94.943 en Galicia), das que 1.989.271 (73.128 na comunidade galega) corresponden á delincuencia convencional: un 2,1 % máis ca en 2022) no conxunto do Estado e un 1,2 % menos en Galicia.

Do total de infraccións penais rexistradas en 2023 en España, 470.388 son ciberdelitos (un 25,5 % máis), mentres en Galicia este tipo de delitos foi de 21.815 (un 4,3 % máis).

Do total de ciberdelitos no territorio nacional, o 90 % son estafas informáticas, que crecen un 27 % con respecto ao ano anterior. Interior destaca que en 8 anos este tipo de estafas aumentaron un 508 %, dado que en 2016 apenas se rexistraron 70.178.

Tamén é significativo o incremento do tráfico de drogas (un 9,5 %) e dos delitos coñecidos contra a liberdade sexual (un 15,1 %), un aumento que Interior vincula cunha maior disposición das vítimas para denunciar.

Preto de 20.000 delitos contra a liberdade sexual

En total, o ano pasado cometéronse 19.981 delitos contra a liberdade sexual, dos que 4.875 foron agresións con penetración, un 14,2 % máis que en 2022.

En 2023 rexistráronse 336 asasinatos (un 3,1 % máis), 1.349 en grao de tentativa (un 11,2 % máis) e 27.413 delitos graves e menos graves de lesións e rifas tumultuarias (un 3,7 % máis).

Ademais producíronse 122 secuestros, un 45,2 % máis que en 2002, ano en que se contabilizaron 84.

Os delitos contra o patrimonio, que representan preto da metade da delincuencia convencional, aumentaron tamén un 3 % o ano ata un total de 883.419.

Deles, 64.785 foron roubos con violencia ou intimidación (un 2,2 % máis que o ano anterior) e 122.444 roubos con forza en domicilio, establecementos e outras instalacións (un 1,2 % máis).

Con todo, os producidos en domicilios diminuíron un 2,4 % (84.446 feitos en 2023  fronte aos 86.515 de 2022) e son os únicos delitos que se reduciron o pasado ano.

Os furtos aumentaron un 3,3 %, ata 663.370 casos, e as subtraccións de vehículos un 6,7 % ata os 32.820 feitos.

Criminalidade por comunidades autónomas

Entre as comunidades autónomas en que se reduciu a criminalidade no seu territorio con respecto ao ano 2022, atópanse Aragón (-3,6 %), as Baleares (-0,2 %), Cantabria (-3,4 %), Castela e León (-3,1 %), Castela-A Mancha (-1,4 %), Galicia (-1,2 %), Comunidade de Madrid (-1,5 %), País Vasco (-1,1 %), Ceuta (-10,5 %) e Melilla (-7,9 %).

No lado oposto, as comunidades nas que aumentou a delincuencia son Andalucía (3,1 %), Asturias (7,4 %), Canarias (6 %), Cataluña (5,6 %), Comunidade Valenciana (3,9 %), Estremadura (7,8 %), Murcia (3 %), Navarra (1,4 %) e A Rioxa (5 %).

A estatística publicada por Interior recolle os datos achegados pola Policía Nacional, a Garda Civil, as forzas de seguridade autonómicas e diversos corpos locais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade