A CRTVG emite desde o luns sete debates electorais con vista ás eleccións municipais do 28 de maio
A CRTVG emite desde o luns sete debates electorais con vista ás eleccións municipais do 28 de maio
Cada debate emitirase en directo ás 10:00 h en TVG, Radio Galega e na web
Os debates comezan este luns cos cabeza de lista das candidaturas de Vigo
A Corporación Radio e Televisión de Galicia fará unha intensa despregadura para ofrecerlle á cidadanía toda a información das diferentes opcións políticas que concorren ás eleccións municipais do 28 de maio en Galicia. Á marxe dos espazos electorais nos diferentes informativos, a CRTVG emitirá sete debates, un por cada unha das grandes cidades de Galicia, desde este luns 15 de maio, ás 10:00 horas.
Os debates, de 45 minutos de duración, emitiranse por primeira vez desde o estudio multimedia, o que permite a súa transmisión simultánea en máxima calidade de imaxe e son para a TVG, a Radio Galega e o portal web. Tamén serán reemitidos cada día na G2, ás 22:45 h e quedarán accesibles no portal G24.gal.
Ademais, nesta campaña electoral, os medios públicos realizarán 30 entrevistas individuais a cada un dos candidatos das sete cidades principais de Galicia. E a isto hai que sumar a despregadura informativa do propio domingo 28 de maio cun programa especial, con conexións coas sedes e cos principais centros de votación.
Os cabeza de lista nos medios públicos galegos
Sobre a participación dos candidatos nos debates, o plan de cobertura da CRTVG explicita: "A participación restrinxirase exclusivamente aos cabezas de lista de cada formación política". Este punto non foi obxecto de recurso ante a Xunta Electoral por parte de ningunha formación política, xa que logo, é o criterio legal de representación coñecido e acordado por todos os partidos para que a cidadanía de Galicia poida escoitar os máximos representantes de cada circunscrición nos medios públicos galegos.