Publicador de contidos
Publicador de contidos

A derradeira enquisa apunta continuidade nas cidades, agás en Ferrol

A derradeira enquisa apunta continuidade nas cidades, agás en Ferrol

En Ferrol prognostican a única maioría absoluta das cidades

O CIS recurta a 2,3 puntos a vantaxe do PSOE sobre o PP nas municipais

G24.gal 22/05/2023 10:08 Última actualización 22/05/2023 13:27

A última enquisa publicada por Sondaxe este luns, último día en que está permitido publicar enquisas do 28M, apunta á continuidade en todas as cidades, excepto en Ferrol. Vigo, A Coruña, Santiago e Lugo seguirían co bloque da esquerda como máis votado, o que permitiría que seguisen os rexedores do PSdeG en caso de chegar a acordos entre as distintas forzas dese espazo.

Vigo

En Vigo, o PSdeG de Abel Caballero continuaría cunha sobrada maioría absoluta, con 18 edís (2 menos ca agora) nun pleno de 27, mentres que PPdeG (5), BNG (3) e Marea de Vigo (1) completarían a corporación municipal

A Coruña

Na Coruña repetiríase o empate técnico entre PPdeG, como forza máis votada, e PSdeG de Inés Rey, ambos con 10 edís (gañan 1), pero a maioría continuaría no bloque da esquerda, con BNG (3), Marea Atlántica (3) e Por Coruña (1).

Pontevedra

Pontevedra vería un novo goberno do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores (11), a dous edís da maioría absoluta, nun pleno completado polo PPdeG (10) e o PSdeG (4).

Lugo

Lugo tería a esquerda exactamente cos 13 edís que dan a maioría absoluta, con 7 do PSdeG de Lara Méndez e 6 do BNG, aínda que ambos os superados polo PPdeG (12) que quedaría a un concelleiro de gobernar, tras unha hipotética saída de Ciudadanos da corporación.

Santiago

Santiago de Compostela ten un cambio de liderado cara ao PPdeG (10), aínda que o bloque da esquerda conta cos outros 15 edís, con 7 para o PSdeG de Xosé Sánchez Bugallo e empate a 4 de BNG e Compostela Aberta.

Ourense

Ourense vería de novo unha corporación fragmentada, co PPdeG (10) como forza máis votada seguida polo PSdeG (8) e Democracia Ourensá de Gonzalo Pérez Jácome (6), ademais do BNG (3), polo que o bloque da dereita (16) tería unha vez máis a maioría absoluta, que son 14.

Ferrol

A única maioría absoluta, que chegaría acompañada de cambio de goberno, aínda que por só un concelleiro, sería en Ferrol, co PPdeG (13) como forza máis votada, seguida polo PSdeG de Ángel Mato (7), o BNG (3) e Ferrol en Común (2), polo que o bloque da esquerda tería 12 edís.

A enquisa de Sondaxe conta con 300 entrevistas en cada cidade e un seguimento diario desde o 15 de maio, cun nivel de confianza do 95,5 % e unha marxe de erro de 5,77%.

O CIS recorta a 2,3 puntos a vantaxe do PSOE sobre o PP nas municipais

O Centro de Investigacións Sociolóxicas recorta a 2,3 puntos a vantaxe que o Partido Socialista obtería sobre o Partido Popular nas eleccións municipais respecto á anterior sondaxe, en que situaba esa distancia en 4,4 puntos.

Segundo o CIS, o PSOE seguiría sendo a forza gañadora, co 30,2 % dos votos, seguido do PP, que obtería o 27,9%.

A mostraxe foi realizada entre os días 16 e 18 de maio, en plena polémica polas listas de EH Bildu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar