A directora xeral da FP nega que se priorice a formación a distancia en detrimento da presencial
A directora xeral da FP nega que se priorice a formación a distancia en detrimento da presencial
Eugenia Pérez destaca o importante incremento de prazas para o curso que vén
O 10 de xullo sairá a lista provisional de admitidos e o 19, a definitiva
Dede o venres está aberto o prazo de preinscrición na formación profesional para o curso que vén. A lista provisoria de admitidos sairá o próximo 10 de xullo e nove días despois, o 19, publicarase a definitiva. A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destaca o aumento de prazas que se ofertan e desmentiu que se priorice a teleformación en detrimento da presencial.
"Quizais houbo algo de malentendido, que eu sinto moitísimo, a formación profesional a distancia de Galicia é unha formación sempre semipresencial, é dicir, como mínimo os centros teñen que ofertar unhas titorías presenciais da parte máis practica, para entendernos, un 25 por cento mínimo pero esa presencialidade pode aumentar ata o 100 por cento se algún centro o considera porque ten que atender algún colectivo que precisa unha maior presencialidade, polo tanto o que fai a formación a distancia é facilitar o acceso a máis poboación e non desatender as persoas que precisan máis presencialidade"
A directora xeral de FP destaca o aumento de prazas respecto ao ano pasado, sobre todo na formación a distancia e na FP dual. En total, son algo máis de 42.000 para cursar 182 titulacións, das que nove son de estrea.
"Ciclos superiores, como o de mobilidade segura, destinados á formación de condutores de autoescola, ou de electromedicina clínica, ofertado por primeira vez en Galicia, que é para o mantemento desa maquinaria tan complexa que se utiliza nos hospitais, pero tamén másters en robótica colaborativa, de nova implantación este curso, ou de auditoría enerxética, por nomear algunhas novidades desta oferta de formación profesional"