Publicador de contidos
Publicador de contidos

A directora xeral de Traballo, Verónica Martínez Barbeiro, número 1 de Sumar en Pontevedra

A directora xeral de Traballo, Verónica Martínez Barbeiro, número 1 de Sumar en Pontevedra

Marta Lois encabezará a candidatura pola Coruña, e Gómez-Reino anunciou que renuncia a participar

G24.gal 14/06/2023 07:38

A directora xeral de Traballo con Yolanda Díaz no Ministerio, Verónica Martínez Barbeiro, será a cabeza de lista de Sumar por Pontevedra, e xunto a ela confírmase a doutora en Ciencias Políticas e presidenta do partido, Marta Lois, para liderar a provincia da Coruña.

Os números un da provincia da Coruña e de Pontevedra estaban reservados para Sumar, ao que hai que engadir o posto número 2 da provincia coruñesa tamén.

Licenciada en Dereito pola Universidade de Oviedo e inspectora de Traballo en excedencia, Martínez Barbeiro especializouse en varias materias que son competencia da Inspección, entre elas a discriminación e igualdade no ámbito laboral, modalidades de contratación e negociación e mediación.

De feito, desde 2017 ata a actualidade exerceu como presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais e desde 2008 actuou como mediadora e árbitra do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA).

Entre outras ocupacións, exerceu como profesora na Escola de Relacións Laborais da Coruña (ERLA) e ata o de agora dirixía a Revista Galega de Dereito Social.

Tras o cesamento de Martínez Barbeiro nomeouse o seu substituto por parte do Consello de Ministros, que designou a Ricardo Morón Prieto.

Renuncia de Gómez-Reino

Ao mesmo tempo, o deputado de Galicia en Común pola Coruña Antón Gómez-Reino anunciou a súa renuncia para presentarse nas candidaturas de Sumar para as eleccións do próximo 23 de xullo. Con todo, esta decisión non o afastará da política e é de esperar que xogue outro papel na campaña electoral.

"Creo que ante este reto, cada unha de nós ten que ocupar o mellor lugar para achegar á tarefa común. Por isto, despois de varios anos alentando e alimentando desde as rúas a semente da creación do noso espazo político, tras participar na creación de Podemos (a forza que chegou e mudou todo) (...), é para min o momento de dar un paso ao lado e colaborar, con toda dedicación e entrega, a que outros compañeiros representen e traballen pola cidadanía de Galicia no Congreso", sinalou nunha carta explicativa na súa rede social de Twitter.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade