Os patinetes deberán contar con certificado de circulación a partir de 2024
Os patinetes deberán contar con certificado de circulación a partir de 2024
A DXT endurece a normativa e deberán acreditar que cumpren cos requisitos de seguridade
Os modelos anteriores poderán circular ata 2027
Máis dun millón de patinetes circulan xa polas cidades españolas. A partir de 2024 estes vehículos terán que contar cun certificado de circulación obrigatorio. Unha placa no chasis que acredite que o modelo cumpre cos requisitos de seguridade que marca Tráfico.
"Algúns modelos xa os teñen. Básicamente teñen que ter dobre freno, catadióptricos, luz de freno diferenciada, pata de cabra e timbre", comenta Román Seoane, de Vos Mobility.
Os patinetes antigos poderán circular ata 2027. Despois esgótase a moratoria da nova norma, que tamén establece unha potencia máxima de 1.000 watts para o motor.
"Se te moves por zonas con moita costa ou eres unha persoa moi corpulenta esa potencia máxima é posible que quede xusta", explica Román.
Na norma xeral, o casco e o seguro seguen a ser recomendables, pero non obrigatorios. Mantense a limitación de velocidade a 25 quilómetros por hora e a prohibición de circular por beirarrúas ou vías interurbanas. E, por suposto, nin alcol nin drogas nin auriculares nin móbiles están permitidos cando se manexa un patinete.