Publicador de contidos
Publicador de contidos

A economía española medrou un 0,7 % no primeiro trimestre grazas ás exportacións

A economía española medrou un 0,7 % no primeiro trimestre grazas ás exportacións

A variación interanual do PIB foi do 2,4 % entre xaneiro e marzo, tres décimas máis que a do trimestre anterior

G24.gal 30/04/2024 09:10 Última actualización 30/04/2024 10:50

A economía española medrou un 0,7 % no primeiro trimestre debido á boa marcha das exportacións e do investimento. O crecemento foi similar ao experimentado no trimestre anterior, de acordo cos datos de contabilidade nacional publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Entre xaneiro e marzo a demanda externa (exportacións e importacións) achegou 0,5 puntos, e a demanda interna contribuíu con 0,2 puntos.

O consumo das familias aumentou entre xaneiro e marzo un 0,3 %, unha taxa idéntica á do trimestre anterior. O gasto público sufriu unha contracción do 1 por cento, amosando a súa primeira taxa negativa trimestral desde o segundo trimestre de 2022, e tanto as exportacións coma os investimentos medraron.  Fixérono a un ritmo do 2,6 % e un 2,4 % respectivamente.

"O bo comportamento da economía española sitúanos nunha posición óptima para cumprir o obxectivo de crecemento previsto para 2024, do 2 %".

O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, asegura que estes datos demostran que a economía española mantivo un "forte crecemento nos primeiros meses do ano"; un crecemento que ademais "foi equilibrado, con achega positiva da demanda nacional e externa".

Ao seu xuízo, "o bo comportamento da economía española durante o final do pasado ano e o bo dato do primeiro trimestre sitúanos en posición óptima para cumprir o obxectivo de crecemento previsto para 2024, do 2 %".

Evolución interanual

A variación interanual do PIB foi do 2,4 % este trimestre, tres décimas máis que a do trimestre anterior. A demanda nacional contribuíu con 2,2 puntos e a demanda externa achegou 0,2 puntos.

O consumo dos fogares mantívose, ao aumentar un 2,3 %, e o das Administracións Públicas incrementouse un 3,0 %, 1,1 puntos menos que no trimestre precedente.

As exportacións de bens e servizos presentaron unha taxa interanual do -1,1%, o cal supuxo 2,2 puntos menos que no trimestre anterior. Pola súa banda, as importacións rexistraron unha variación do -1,7 %, cunha desaceleración de 3,3 puntos respecto ao trimestre precedente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade