A eliminación da prórroga automática dos alugueiros tensa a relación na coalición de goberno
A eliminación da prórroga automática dos alugueiros tensa a relación na coalición de goberno
A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, sostén que é un error
A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, pide desculpas tras asegurar que "a maioría da poboación non ten problemas co alugueiro"
O executivo tirou abaixo a prórroga automática de seis meses dos contratos de alugueiro nas mesmas condicións e isto abriu unha nova fenda co seu socio de goberno. Dende Sumar falan de erro e esixen que rectifiquen a decisión.
Xa xustificara Nadia Calviño non continuar coa prórroga obrigatoria dos contratos cando Meritxell Batet dicía que "a maioría da poboación non ten problemas co alugueiro".
Ao pouco tivo que pedir desculpas nun chío. "Sei o que custa pagar un alugueiro", rectificou a aínda presidenta do Congreso. Pero a resposta dende Sumar foi contundente. "Indica que viven fóra da realidade da vida das persoas", dicía Yolanda Díaz.
Tamén o Partido Popular censuraba as palabras de Batet. "Os alugueiros dispáranse e os soldos non chegan", denunciou a secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, en declaracións remitidas aos medios, nas que achaca á perda de poder adquisitivo as dificultades da "España real" para chegar a fin de mes.
A declaración de Batet non fixo máis que aumentar o malestar en Sumar. Alejandra Jacinto publicaba que a decisión de eliminar a prorroga dos alugueiros era indignante. E Urtasun mantiña "non nos gustou como se xestionou a eliminación da prórroga". E Ada Colau pedíalle ao Goberno que rectificase.
E ante o malestar no socio de Goberno, Nadia Calviño aseguraba que "o que queren os cidadáns é o queren os cidadáns é que expliquemos as nosas accións e as nosas medidas".
Dende Sumar manteñen que a Lei de vivenda, como din os socialistas, non soluciona o problema xa que aínda é necesario o requisito de que as Comunidades Autónomas declaren as zonas tensionadas.