A encargada dunha das discotecas incendiadas en Murcia di que tiña todos os papeis en regra
A encargada dunha das discotecas incendiadas en Murcia di que tiña todos os papeis en regra
Tamén estaba citado o administrador da discoteca, que se negou a declarar
A responsable da discoteca murciana onde se orixinou o incendio no que morreron 13 persoas que estaban nun local anexo di diante da xuíza que instrúe o caso que a sala tiña todos os papeis en regra. Tamén estaba citado o administrador da discoteca, que se negou a declarar.
A primeira en declarar nesta xornada foi a responsable da discoteca Teatre, onde o pasado 1 de outubro se orixinou o incendio que ao propagarse ao local contiguo causou 13 mortos.
A muller, que é irmá do propietario da sala, chegou á sede xudicial murciana acompañada do seu avogado e tratando de agochar o rostro detrás dunhas grandes lentes de sol e máscara.
Declarou en calidade de investigada por trece delitos de homicidio por imprudencia e só respondeu ás preguntas do seu avogado.
“Eva o que contestou a preguntas do seu avogado é que na súa conciencia toda a documentación que ten está perfectamente correcta e que, ao parecer, contrariamente ao que dixo a semana pasada o organizador da festa, hai un contrato de organización do evento 'We are remember'”.
Segundo o avogado do propietario da discoteca Fonda Milagros, tamén destruída polo lume e que era onde estaban as vítimas, ese contrato demostraría que o organizador da festa ten maior responsabilidade da que recoñece e que incluiría a máquina de frío na que se orixinou o incendio.
A defensa do suposto organizador da festa di que este só era o encargado de poñer a música.
“Simplemente trouxo os DJ, a música e pouco máis. Todo o demais parte en principio da mercantil, como é obvio. É dicir, luces, seguridade, copas. O meu representado non se dedica máis que a poñer copas”.
O administrador da discoteca Teatre, citado tamén pola xuíza como investigado, negouse a declarar.