A enquisa do CIS sitúa o PSOE cunha vantaxe de medio punto por riba do PP
A enquisa do CIS sitúa o PSOE cunha vantaxe de medio punto por riba do PP
Sumar mantense como terceira forza, con case catro puntos de diferenza sobre Vox
O barómetro de xuño do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) dálle ao Partido Socialista unha estimación de voto do 31,2 por cento, dous puntos máis ca en maio, seguido do Partido Popular, que sobe 3,5 puntos, co 30,7 por cento.
Por detrás dos dous primeiros partidos estaría Sumar, co 14,3 por cento, e Vox, co 10,6. A pasada sondaxe do CIS, do mes de maio, xa situaba a formación de Yolanda Díaz como terceira forza. Dáballe daquela unha estimación de voto do 12,3 por cento, dous puntos menos que nesta última de xuño.
No caso da ultradereita, a formación de Abascal obtén nesta enquisa os mesmos resultados que na realizada o mes pasado.
Respecto ao BNG, a enquisa do CIS dálle nesta ocasión un 0,7 por cento dos votos, unha décima menos ca en maio.
Valoración dos candidatos
Respecto á valoración dos principais líderes políticos polos que pregunta a sondaxe, ningún obtén un aprobado. A que máis preto se sitúa é Yolanda Díaz, cun 4,89, seguido de Pedro Sánchez, cun 4,59, e Alberto Núñez Feijóo, cun 4,37. A peor nota recíbea Santiago Abascal, a quen os enquisados puntúan cun 3.
Á pregunta de quen preferiría que encabezase o próximo Goberno, o 25,1 % escolle a Sánchez, o 20,1 % a Núñez Feijóo, o 13 % a Díaz e o 5,2 % a Abascal.
Unha das cuestións que máis chama a atención da sondaxe é que mentres que o 64,2 % dos que responderon cren que a súa situación económica persoal é boa, ao mesmo tempo case o 57 % cren que a situación económica xeral de España é mala ou moi mala.
Así as cousas, cando lles preguntan polos principais problemas, o 33,7 % sitúa en primeiro lugar a crise económica e os problemas de índole económica, seguida a moi pouca distancia polo paro, que preocupa ao 33,5 %.
O barómetro de xuño foi elaborado entre o 31 de maio e o 7 de xuño, xusto despois das eleccións municipais e cando xa se convocaron as xerais anticipadas do 23 de xullo, pero antes de que Sumar pechase o acordo para que Podemos se incorporase á coalición, no medio da polémica polo veto a Irene Montero.