Publicador de contidos
Publicador de contidos

A falla de materia prima e a guerra aumentan a escaseza de fármacos

A falla de materia prima e a guerra aumentan a escaseza de fármacos

O Ministerio de Sanidade di que a porcentaxe de medicamentos sen alternativa terapéutica é inferior ao 1 %

Farmacéutica dispensando medicamentos
G24.gal 28/01/2023 14:55 Última actualización 28/01/2023 21:50

Os problemas de escaseza dalgúns fármacos seguen manifestándose nas farmacias. A Axencia Española do Medicamento cuantifica en máis de 670 os preparados que non están chegando, aínda que na maior parte dos casos hai substitutos co mesmo principio activo e coa mesma vía de administración.

Hai xa tempo que a xente acode ás farmacias con receitas de medicamentos que non se poden dispensar porque non os hai. Nestes casos desde as farmacias asesoran para atopar o fármaco noutro establecemento se o ten, pero se non, ten que ser o médico quen receite un diferente co mesmo principio activo e coa vía de administración máis axeitada.

A farmacéutica Montse Villar propón axilizar esta xestión en casos xerais. 

"A nós se a receita nos pon en sobres, nós non podemos cambialo nin a comprimidos efervescentes nin a comprimidos normais. Eu creo que se habilitasen a maneira para que o farmacéutico puidese cambiar a forma da prescrición facilitaríanos moito o traballo, para os farmacéuticos e para os médicos". 

A produción farmacéutica desprazouse nas últimas décadas á India e á China para diminuír custos. Alí están o 80 % dos laboratorios onde se producen os principios activos dos fármacos. A falta de materias primas e a guerra incrementaron o problema.

Con todo, o Ministerio de Sanidade insiste en que a porcentaxe de fármacos sen alternativa terapéutica é inferior ao 1%. E que no caso de que non o haxa aquí pode importarse como medicamento estranxeiro para que o paciente continúe co tratamento.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade