A escola deportiva surf Vigo celebra o Día dos Océanos collendo, clasificando e comendo algas
A escola deportiva surf Vigo celebra o Día dos Océanos collendo, clasificando e comendo algas
E por segundo ano consecutivo a Escola Deportiva Surf Vigo celebra este día Mundial dos Océanos con diversas actividades vinculadas á importancia das algas mariñas. O Algafest durará toda a fin de semana.
O Algafest, esta festa da alga vinculada ao barrio de Bouzas, leva en marcha desde o luns. Aquí, a escola deportiva surf Vigo, celebra á súa maneira o Día dos Océanos dándolle a esta verdura do mar o valor que ten, a súa importancia no ecosistema, a súa riqueza no prato cun alto valor nutritivo e pouco calórico.
E para darlle ese valor durante este sábado os participantes no Algafest comezaron o día recollendo algas en Alcabre, continuaron facendo un algario e finalizaron comendo algas frescas, loxicamente non collidas hoxe, en risoto, en humus ou en manteiga
Do Alcabre á escola de surf de Ángel. Chovía ben pero acabaron por poder coller algas, e despois clasificalas, ás ordes dunha oceanógrafa.
"É unha zona moi rica en algas, e precisamente a riqueza que temos nos ecosistemas galegos, é pola gran variedade de algas que temos. As algas ademais de ser de por si unha riqueza a nivel ecosistémico tamén serven de hábitat para un montón de invertebrados, peixes e de todo", conta a TVG Rocío Landín, oceanógrafa e bióloga.
"O que buscamos é que a xente saia ás praias, aparte de ir coller cunchiñas, que teña curiosidade polas algas, de onde veñen, e que tipo temos de algas, cales se cociñan, que beneficio teñen para cada unha das persoas, e pouquiño a pouco crear ese interese para toda a poboación que viva a carón do mar", explica Ángel García, o director da segunda edición deste Algafest.
Seguindo no barrio, en Bouzas, ao lado da escola de Surf o restaurante Patouro tamén celebra o día Mundial dos Océanos. No prato, algas ricas, nutritivas e que non engordan.
"Son un superalimento, porque non teñen practicamente azucre, ten proteínas de altísimo valor biolóxico, moita fibra, abundancia de vitaminas e minerais que as fan moi interesantes, porque algunhas variedades teñen dez veces máis de calcio que os lácteos, son abundantes en ferro para a xente que ten problemas coa anemia, tamén teñen moito de potasio que é moi depurativo, e evita a retención de líquidos, iodo, que estimula a tiroide, o metabolismo ou o sistema inmune", di Amil López, doutora en Farmacia e nutricionista.
Así, poñendo as algas no centro, celebrou a escola deportiva surf Vigo o día dos Océanos, esas grandes masas de auga salda que equilibran o planeta mais a xente.