A esquerda andaluza acorda in extremis unha coalición encabezada por Nieto
A esquerda andaluza acorda in extremis unha coalición encabezada por Nieto
A formación inscrita non inclúe a Podemos porque os papeis non chegaron a tempo
A esquerda andaluza acordou in extremis, uns minutos antes de finalizar o prazo, unha coalición para concorrer xunta ás eleccións andaluzas. A candidata será Inmaculada Nieto (IU), tras impoñerse no pulso de poder con Podemos, que quería a Juan Antonio Delgado.
O acordo entre partidos, coa marca "Por Andalucía", inclúe a Podemos, Izquierda Unida, Más País Andalucía, Alianza Verde, Equo e Iniciativa del Pueblo Andaluz.
As negociacións apuraron tanto -o prazo acababa ás 24:00 horas do venres- que a coalición inscrita non inclúe a Podemos, porque non chegaron a tempo os papeis para facer o rexistro.
Agora, será a Xunta Electoral Central a que decida. Os partidos implicados consideran que son cuestións xurídicas emendables.
Inmaculada Nieto contaba co apoio do resto de formacións que se integran nesta unión para as eleccións, mentres que Delgado non reunía ese consenso e ata última hora estaba aberta a posibilidade de que Podemos e IU fosen por separado.
A negociación tivo un decisivo transfondo nacional, coa vista posta nas futuras coalicións que se buscarán para as próximas xerais.