A esquerda catalá pacta unha lei que evita as porcentaxes de linguas en educación
A esquerda catalá pacta unha lei que evita as porcentaxes de linguas en educación
O pacto realizouse entre o PSC, ERC, JxCat e os comúns
A finalidade é protexer o catalán como lingua vehicular
PSC, ERC, JxCat e En Comú Podem alcanzaron este martes un acordo para impulsar unha nova lei que prevé protexer o catalán como "lingua vehicular" nas escolas e, á vez, recoñece o castelán como lingua de "uso curricular", sen fixar porcentaxes e deixando marxe aos centros educativos.
Se así o acorda mañá o pleno do Parlament, ampliarase a orde do día para que este mesmo venres se vote a proposta, forxada tras semanas de intensas negociacións.
O acordo chega xusto unha semana antes de que expire o prazo do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña para a execución forzosa da sentenza que obriga ás escolas a ofrecer o 25 % de clases en castelán.
A nova proposta mantén a definición do catalán como "lingua normalmente utilizada como lingua vehicular e de aprendizaxe" e "uso normal na acollida" de alumnos recentemente chegados, mentres que o castelán será "utilizado nos termos que fixen os proxectos lingüísticos de cada centro".
Como esixía JxCat para non poñer en dúbida que o catalán debe ser a lingua vehicular, no novo texto modifícase a referencia a que "o ensino das linguas oficiais e nas linguas oficiais debe ter garantida unha presenza adecuada nos currículos e nos proxectos educativos de centro".
Agora, a nova proposta estipula que "o ensino e o uso curricular e educativo do catalán e do castelán deben estar garantidos e ter unha presenza adecuada nos currículos e nos proxectos educativos", para que "todo o alumnado alcance o dominio oral e escrito das dúas linguas oficiais".
A presenza concreta de cada lingua, sinala o texto acordado, "debe ter en conta a situación sociolingüística" dos centros e a súa contorna e "os obxectivos de normalización lingüística", a partir exclusivamente de "criterios pedagóxicos".
A portavoz de PSC-Units en el Parlament Alícia Romero destacou que a fórmula pactada permite que o catalán siga sendo "centro de gravidade" do modelo educativo e se recoñeza tamén o castelán como "lingua de aprendizaxe", polo que a lei permite "cumprir mellor a sentenza" do 25 %.
O secretario xeral de JxCat Jordi Sànchez afirmou que o acordo permite "blindar" o catalán nos centros e en ningún caso o castelán será considerado como lingua vehicular; o mesmo opina a portavoz de ERC Marta Vilalta, que cre que a nova lei servirá para "protexer o modelo de escola catalá".
Tamén o portavoz parlamentario de En Comú Podem David Cid subliñou que a nova lei "blinda" o catalá fronte "a inxerencias xudiciais".
O presidente da Generalitat Pere Aragonès celebrou o "grande acordo" para "protexer" e "defender" o catalán na escola e "garantir a cohesión social e a igualdade de oportunidades".
A que volve quedar fóra do acordo é a CUP, que interpreta que a proposta "introduce o castelán como lingua vehicular" e "representa un punto e final" do actual modelo.
O líder parlamentario de Ciudadonos Carlos Carrizosa cargou contra o PSC pola "vergoña" de permitir un acordo sobre unha "lei tramposa" que "non recolle o dereito ao mínimo do 25 % de español en todas as aulas de Cataluña" e que "pon na diana os directores de centro".
A proposta, rexistrada esta tarde polos catro grupos para ser aprobada pola vía de urxencia polo pleno este venres, virá acompañada dun decreto lei que o Govern aprobará en paralelo, que detallará como elaborar os proxectos lingüísticos, que deberán ser validados polo departamento de Educación.