Publicador de contidos
Publicador de contidos

A exconselleira Rubio reivindica que, sen o bipartito, o Cunqueiro "non sería o hospital" que hai agora

A exconselleira Rubio reivindica que, sen o bipartito, o Cunqueiro "non sería o hospital" que hai agora

Rexeita o modelo de concesión escollido polo PP para o hospital porque "encorseta" o seu desenvolvemento ao ter que "negociar" as obras

G24.gal 05/12/2024 15:40

A exconselleira de Sanidade María José Rubio, que estivo no cargo entre 2005 e 2009, reivindicou no Parlamento galego que, sen o bipartito que presidiu o socialista Emilio Pérez Touriño, o Álvaro Cunqueiro de Vigo "non sería o hospital" que hai agora cunha capacidade de 950 camas.

Rubio compareceu este xoves na comisión do Parlamento galego que investiga, entre outros asuntos, o modelo concesional deste centro sanitario. Asegurou que a Xunta de Touriño chegou a "presentar á sociedade viguesa o proxecto do novo hospital, facendo público o número de camas, de quirófanos e todas as estruturas sanitarias".

A súa iniciativa, engadiu, "condicionou" as decisións que logo adoptou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo a partir do 2009. "Tiveron que manter a capacidade de, polo menos, 950 camas", asegurou a exconselleira, recoñecendo non obstante que son "suposicións", igual que as que fai o PP co bipartito.

Rubio relatou que, cando chegou á Consellería en 2005, "herdou" da etapa de Manuel Fraga unha débeda de "máis de 400 millóns" e un proxecto para levantar "un cuarto hospital" en Vigo, concretamente na parroquia de Beade.

Ademais, criticou o modelo de concesión de obras públicas que escolleu a Xunta de Feijóo para levantar o Álvaro Cunqueiro. Un informe do Consello de Contas, que motivou -entre outros- a creación da comisión, estimou que este modelo supón un desembolso de 470 millóns de euros a maiores de que se se licitaron obras e servizos por separado.

"Un dos defectos é que non somos donos do edificio durante un período de 20 anos", subliñou a exconselleira, xa que a actualmente a Xunta paga un canon á concesionaria ata 2035. Ata entón, a infraestrutura non reverterá no público.

Durante este tempo, explicou Rubio, todas as reformas que precise o edificio "hai que negocialas" coa concesionaria e "un hospital é un centro en constante evolución" que "se ten que remodelar e adaptar ás novas tecnoloxías".

Por tanto, cre que o modelo público-privado "encorseta, e moitísimo, o desenvolvemento das especialidades e dos profesionais sanitarios".

María José Rubio é a segunda conselleira do goberno de Touriño en comparecer na comisión, tras a de Obras Públicas, María José Caride. Ambas coincidiron en que, a pesar de que se chegaron a encargar dous informes -a Price Waterhouse Coopers (PWC) e a Garrigues- para avaliar os "diferentes modelos" financeiros e legais que había para construír o novo hospital, o bipartito acordara facelo a través da Sociedade Pública de Investimentos (SPI), adscrita á propia Xunta, como "forma máis idónea".

De tal forma, en febreiro de 2009, pouco antes de que as eleccións nas que o PP de Feijóo conseguiu a primeira maioría absoluta, o Consello da Xunta aprobou un plan de financiamento da SPI que reservaba 420 millóns de euros tanto para o novo hospital de Vigo como para o de Pontevedra.

"A única decisión probada e documentada é a que se aprobou no Consello da Xunta. Non dubide de que fixésemos eses proxectos", defendeu, dirixíndose cara á bancada do PP.

"Mentira continuada" do PP

Por parte dos grupos, a deputada do BNG Montse Prado agradeceu a Rubio a súa comparecencia para desmontar unha "mentira continuada no tempo" que sosteñen os populares, porque a constitución dunha sociedade público-privada fora "unha valoración de opcións".

Os argumentos do PP, para a nacionalista, son uns "despropósitos para xustificar" que a concesión foi "un mecanismo moito mellor para as arcas públicas".

En similares termos pronunciouse Elena Espinosa, do PSdeG, quen afirmou que o goberno de Touriño "recibiu unha herdanza envelenada" de Fraga, que ademais pretendía facer "un cuarto hospital" e non o centro "de referencia" que hai hoxe.

A socialista denunciou as "irregularidades" postas de manifesto por Contas, como ese "sobrecusto" de 470 millóns de euros por elixir o modelo de concesión "sen que houbese unha análise sólida previa".

O PP mantén que sería "imposible"

Por parte do PP, Roberto Rodríguez non negou que o bipartito tivese unha "vontade inmediata" de "liquidar a situación da área sanitaria de Vigo", dado o estado que presentaba o Hospital Xeral, pero preguntou por que non chegou a empezar a construción do novo durante aqueles catro anos.

Con todo, o popular mantivo que "era imposible" acometelas a través do SPI porque iso impactase na débeda pública nun contexto de crise, tal e como confirmaron outros comparecentes.

Na súa resposta, a exconselleira afeou as "suposicións" e "elucubracións" que utiliza o PP respecto diso do que "fixese" o bipartito o seu continuase gobernando.

"Tratan de concluír que nós tomaríamos a mesma decisión que tomou naquel momento o goberno de Feijóo, de realizar o Álvaro Cunqueiro a través da fórmula de colaboración público-privada. Parece unha procura de xustificación", esgrimiu María José Rubio.

Así mesmo, rexeitou o argumento de que as regras financeiras que impuxeron tanto Europa como o Goberno central impedisen facelo pola SPI, porque nese momento aínda non se modificara o artigo 135 da Constitución -ocorreu en 2011- que blinda esa estabilidade nas contas públicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade