A falta de man de obra condiciona a colleita de faba de Lourenzá
A falta de man de obra condiciona a colleita de faba de Lourenzá
Calculan que quedarán por debaixo das 90 toneladas recollidas outros anos
Os 37 produtores da IXP cultivan arredor de 45 hectáreas
Un traballo cen por cen manual pero que non supón un esforzo físico excesivo. Así é a recollida da faba de Lourenzá. Este ano, por diferentes motivos, os produtores teñen problemas para conseguir man de obra na recollida.
Son contratos de pouco máis de dous meses, non hai xente nova pola contorna e as diferentes axudas do goberno aos desempregados frean a contratación polo temor a incorrer en fraudes.
Aínda é cedo para facer unha previsión, pero calcúlase que a colleita vai quedar por baixo das 90 toneladas doutros anos.
Na Indicación Xeográfica Protexida operan 37 produtores, que cultivan unhas 45 hectáreas de terreo cun rendemento duns 1.500 quilos por hectárea.
Con todo, hai numerosos colleiteiros que traballan fóra da IXP e que venden as fabas a granel a maioristas.
A faba non escapa da suba de custos de produción e iso obriga a subir o prezo, que andará entre os doce e os catorce euros por quilo envasado.