Unha cadela adopta un burro en Lourenzá
Unha cadela adopta un burro en Lourenzá
O burro chegou á familia con poucos meses de vida e a cadela, de raza mastín, fíxose cargo del
Tor, o burriño, parece grande, pero aínda non fixo os nove meses. Trouxérono para Lourenzá xa destetado, pero segue sendo unha cría, e Rege, a cadela da familia, fíxose cargo del.
"Estamos sorprendidos de como a cadela o protexe, o coida, o vixía e o burriño interactúa con ela. É recíproco", conta María del Amor Pacín Cardeiro, dona dos animais.
Non se separan nin un momento. "El vai e busca o seu afecto. Empúrraa e belíscaa, sen mancala", di María.
Un sentimento correspondido, que a nai adoptiva lle devolve proporcionalmente: "Porque a cadela, se o burro non lle fai caso, cólleo polo rabo ou polo fociño para que lle preste atención".
Rege non ten fillos propios, pero xa ten adoptado outros animais da familia.
"Viu que Tor estaba soíño e fíxose cargo del, e o mesmo sucedía tamén coas ovellas: cando nacían dous añiños, ela collíalle un e púñaos a mamar e todo", sinala María.
Para María, que se mudou a Lourenzá buscando a conexión coa natureza, os animais dannos leccións de convivencia.
"Eu creo que son un exemplo que hai que seguir para a humanidade, de como son eles", conclúe.