A falta de remuda ameaza o único supermercado de Rairiz de Veiga
A falta de remuda ameaza o único supermercado de Rairiz de Veiga
O actual propietario non pode seguir á fronte e teme deixar sen servizo os veciños
A maioría son persoas maiores que terían que desprazarse a outros concellos para faceren a compra do día a día
Na hora e media que pasamos no supermercado de Rairiz non para de entrar xente.
"Aquí quédanos moi ben. Imos ao médico e xa vimos mercar aquí". "Ten carne, ten polbo, ten todo. Comestibles, aceites...", comentan dous clientes.
Aínda así, a Pablo, que colleu o negocio en marzo do ano pasado, non lle compensa. Ten outra empresa e non dá feito.
Pablo Campos Montero, traspasa un supermercado en Rairiz de Veiga: "Non lle podo dedicar o tempo que precisa. Vai en detrimento do outro que é máis importante".
Quere deixalo, pero non que peche porque, di, á xente faille falta unha tenda preto. O supermercado máis próximo está en Vilar de Santos, a tres quilómetros, pero a maioría van a Xinzo, a capital da comarca, onde a oferta é máis variada, pero só teñen dous autobuses á semana.
"Aquí non temos outra máis ca esta. E somos vellos, non temos coche... temos que ir a Xinzo".
"Eu aínda me podo desprazar, pero hai moita xente con dificultades para desprazarse". "Isto aquí é ideal para todo o pobo, se non está perdido", lamentan varios clientes.
É un dos 13 negocios ourensáns acollidos ao programa de traspasos da Xunta, co que se pretende facilitar a remuda para evitar que boten o peche definitivamente.