A familia de Daniel Sancho denuncia ilegalidades da policía: "Enganárono ata que confesou"
A familia de Daniel Sancho denuncia ilegalidades da policía: "Enganárono ata que confesou"
Confirman que a policía traduciu mal a gravación onde o acusado explica o sucedido
Os avogados encargados da defensa de Daniel Sancho, acusado da morte de Edwin Arrieta en Tailandia, denuncian irregularidades na investigación do caso cometidas pola policía do país asiático.
Manteñen que desde o primeiro momento Sancho declarou que a morte do súbdito colombiano se produciu durante unha pelexa, cando intentaba defenderse dunha agresión sexual.
“Confesou que houbo unha pelexa e, evidentemente, confesou desde o minuto un, por iso colaborou na localización dos restos, que o desmembrou (o cadáver). Nada máis, o que segue mantendo, porque é a verdade.”
Os avogados de Sancho din que a Policía tailandesa o enganou para que confesase coa promesa dunha rápida expulsión a España e así conseguiron que asinase os documentos falsos que lle puxeron diante e redactados nun idioma que non entendía.
Aseguran tamén que a autopsia non puido determinar como morreu Arrieta.
“Porque non hai ningún coitelo na morte, que quede claro. A morte non se sabe como se produciu. Entón ir máis lonxe de que os coitelos son para matar é ir contra a autopsia que di que non se sabe como se produciu a morte”.
A pesar destas irregularidades policiais, os avogados de Sancho manteñen a súa confianza na xustiza de Tailandia con vistas ao xuízo que se vai celebrar en abril.