A sentenza di que Daniel Sancho tiña "intención de matar" a Edwin Arrieta
A sentenza di que Daniel Sancho tiña "intención de matar" a Edwin Arrieta
A sentenza de 47 páxinas contrasta co argumento da Defensa de que Arrieta morreu por accidente
Daniel Sancho "golpeou" a Edwin Arrieta con "intención de matar" o cirurxián colombiano e "preparou" o crime coa compra previa de coitelos, unha serra e bolsas de plástico, sostén a sentenza pola que o español foi considerado culpable de asasinato premeditado e condenado a cadea perpetua.
A sentenza de 47 páxinas indica: "O acto do acusado de golpear a cabeza do falecido contra o bordo do vertedoiro (...) demostra intención de matar", en contraste co argumento da defensa de que Arrieta morreu debido a un accidente o 2 de agosto de 2023 nun cuarto de hotel da illa de Phangan (sur de Tailandia).
O texto da sentenza indica: "As probas presentadas tanto pola acusación como polos codemandantes reforzan a conclusión de que o acusado foi responsable da morte da vítima, aínda que non puideron determinar con precisión a causa da morte", pois a autopsia non foi concluínte, ao faltaren partes clave do cadáver, como o tórax.
O corpo de Arrieta, de entón 44 anos, foi despezado e os seus restos repartidos por varios lugares da illa de Phangan.
O escrito, que acaba de remitirse ás partes, sinala que a compra de coitelos, unha serra e bolsas de plástico o día antes dos feitos supón unha "preparación que indica que o acusado planeaba matar e despezar o falecido".
Á súa vez, apunta como "motivo do crime" que Arrieta non aceptase que Sancho puxese fin á súa relación meses antes do seu falecemento e que ameazase o acusado con "revelar segredos" e matalo.
"Dado que o acusado puxera fin á relación, pero o falecido se negaba a aceptalo e ameazaba con revelar segredos e matar o acusado, crese que este foi un motivo para o acto violento que conduciu á morte do falecido", sinala.
Tamén desmente a postura de Sancho, de 30 anos, de que actuou en defensa propia ante un suposto intento de violación por parte de Arrieta e sinala que "queda establecido que o falecido e o acusado mantiñan unha relación romántica, que incluía unha relación sexual".
"A suposta negativa do acusado (a manter relacións sexuais) considérase infundada e interesada (...) Por tanto, esta alegación carece de credibilidade e non se acepta como defensa válida", subliña.
"As accións do acusado non poden considerarse defensa propia", destaca.
A confesión policial
A sentenza tamén incide en varias ocasións na "veracidade" da confesión inicial do asasinato premeditado de Sancho fronte á Policía de Phangan o 5 de agosto de 2023, da que logo se desdixo.
"A confesión do acusado fíxose pouco despois do incidente. Nese momento, o acusado tivo poucas oportunidades de inventar ou falsear os detalles, o cal suxire que a declaración foi veraz", recolle o texto.
Así mesmo, afirma: "Queda claro que ao acusado se lle deu asesoría legal e un intérprete ao inglés durante cada instancia do interrogatorio. Esta e outras circunstancias fan crer que a cooperación e as confesións do acusado se fixeron voluntariamente e non baixo coacción".
O xuíz destaca a confesión do acusado como atenuante para rebaixar o castigo da pena de morte á cadea perpetua.
"A confesión relativa á acusación de asasinato premeditado tamén é beneficiosa e supón unha redución dun terzo da condena, o que dá lugar a cadea perpetua (...) Dado que o acusado é condenado a cadea perpetua, non poden acumularse outras penas", precisa o documento.
Fillo do actor español Rodolfo Sancho e da analista de investimentos Silvia Bronchalo, Sancho foi trasladado á prisión de Surat Thani (sur de Tailandia) tras a sentenza, que aínda pode ser apelada dúas veces no país asiático nos próximos meses.