A familia de Déborah pide que se lle encargue a investigación á Garda Civil
A familia de Déborah pide que se lle encargue a investigación á Garda Civil
Pídenlle ao xulgado que retire do caso o equipo da Policía Nacional que leva actualmente as pescudas
A familia de Déborah Fernández Cervera, a moza viguesa que apareceu morta nunha gabia do Rosal en 2002, solicitou ao Xulgado de Tui a retirada do equipo investigador da Unidade Central de Delincuencia Especializada e Violenta (Ucdev) da Policía Nacional e a súa substitución pola Garda Civil.
“Xa é tarde, sabémolo. Pouco queda por facer, ou quizá xa nada, pero esiximos que a Ucdev de Madrid sexa retirada do caso e o que quede por facer se lle encomende á Garda Civil”, dixo a familia á xuíza nun escrito.
Detrás desta decisión está a aparición nunha comisaría de Madrid dun cartapacio cun teléfono móbil sen tarxeta SIM que, presumiblemente, pertenceu á moza e que a familia entregou á Policía no ano 2006.
“O achado’do cartapacio recente non é máis que outra neglixencia dese equipo policial, a máis grave xunto á de non poñer ao dispor do xulgado o disco duro do computador de Déborah ata 2019, cando o tiñan nas súas dependencias desde 2006", di a familia.
A familia tamén mostra a súa “incredulidade” polo feito de que quen foi ata hai días o inspector que dirixiu a investigación aparecese o pasado día 4 en televisión asegurando que o equipo policial “xa sabía da existencia do móbil”.
A familia anunciou a semana pasada que iniciarán accións penais contra a Policía Nacional.
Tamén agardan que se resolva se o procedemento se tramita pola lei do xurado, o que podería levar o único investigado a sentar no banco fronte a un xurado popular.