Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz do caso Déborah mantén o homicidio como causa da morte

O xuíz do caso Déborah mantén o homicidio como causa da morte

O exmozo, único investigado no procedemento, pedira incluír a morte indeterminada no sobresemento

A familia da moza cualificou o intento do exnoivo, Pablo P.S.L., de "artimaña" para tratar de "limpar a propia imaxe"

G24.gal 03/09/2024 11:11 Última actualización 03/09/2024 21:44

Novidades sobre o caso Déborah, a muller que apareceu morta nunha cuneta do Rosal no 2002.

O Xulgado de Instrución número 2 de Tui rexeita a petición do exmozo de Déborah Fernández, único investigado no procedemento, de incluír a morte indeterminada no sobresemento da causa.

O xuíz que leva o caso mantén o posible homicidio como causa máis probable da morte de Déborah malia que o caso foi arquivado o pasado mes de xuño. 

A familia da moza cualificou o intento do exnoivo, Pablo P.S.L., de "artimaña" para tratar de "limpar a propia imaxe".

Déborah Fernández-Cervera, de 21 anos de idade, desapareceu tras saír da súa casa de Vigo o 30 de maio de 2002 para facer deporte. O seu cadáver foi localizado dez días despois nunha gabia do Rosal (Pontevedra), a 40 quilómetros do seu domicilio, espido e rodeado de pistas falsas.

A investigación policial e xudicial foi un cúmulo de "chapuzas" segundo a familia, con decisións "incomprensibles", como que se tardase anos en investigar o teléfono da moza ou o seu computador, en inspeccionar o coche do seu exmozo, ou que non se indagase por que na listaxe de chamadas do teléfono da moza aparecen case unha trintena de ocos en branco.

A pesar dun contundente informe policial de 2010 (elaborado tras cambios no equipo de investigación), que apuntaba ao exmozo de Déborah pola súa vinculación coa desaparición e morte da moza, ese mesmo ano o xulgado arquivou o procedemento. A investigación foi reaberta a finais de 2019.

En febreiro de 2022, por primeira en case 20 anos, citouse como investigada a unha persoa, o seu exmozo, Pablo P.S.L., que compareceu no xulgado de Tui en marzo e proclamou a súa inocencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade