Publicador de contidos
Publicador de contidos

O móbil de Déborah, en mans da familia 22 anos despois da súa desaparición

O móbil de Déborah, en mans da familia 22 anos despois da súa desaparición

Lazarus Technology analizará o terminal e os avogados non desbotan atopar pegadas no interior

G24.gal 28/04/2024 14:55 Última actualización 28/04/2024 20:15

Logo de dezaseis anos desaparecido e tras ser atopado nunha dependencia policial en 2022, esta semana a familia de Déborah Cervera puido recuperar o teléfono móbil da moza nos xulgados de Tui. Trátase dun vello Nokia 3310 do que a policía chegou a dicir segundo a versión da familia que non se entregara nunca.

Faltan meses para o arquivo definitivo do caso Déborah, desaparecida hai 22 anos. Algo que todos dan por feito e que a familia pediu o ano pasado conscientes de que non se quería avanzar na investigación. Un disco duro de ordenador supostamente manipulado, un móbil perdido en comisaría durante dezaseis anos e sen tarxeta son algúns dos erráticos episodios desta investigación.

O caso está prescrito desde hai dous anos agás para o exmozo de Déborah, que polo de agora continúa investigado. A principios de este ano volveu someterse a outra proba de ADN nos xulgados de Tui.

O mesmo lugar en que a familia da moza recollía o pasado xoves 25 de abril o móbil de Déborah, un terminal Nokia 3310 que a familia entregara a dous axentes da Policía Nacional coa súa tarxeta SIM, un deles, un comisario de alto rango encargado da investigación segundo a versión da familia. A tarxeta SIM nunca apareceu.

O móbil e outros efectos atopáronse en setembro de 2022 logo dunhas obras na comisaría de Canillas. Agora nun último esforzo a familia vaino enviar aos expertos de Lazarus Technology que xa extraeran información do ordenador da moza.

As esperanzas son escasas para esta familia  que o vindeiro martes lembrará que se cumpren 22 anos da desaparición da moza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade