A Xustiza arquiva definitivamente a investigación pola morte de Déborah Fernández
A Xustiza arquiva definitivamente a investigación pola morte de Déborah Fernández
A familia hai xa máis dun ano que renunciara a que a vía xudicial dese resultados
A Xustiza acaba de pechar o caso da morte violenta, hai 22 anos, de Déborah Fernández. Caso pechado. E sen resolver. Non deron co culpable da morte de Déborah.
Cando se produciu o suceso ela tiña 22 anos. Saíra facer deporte pola praia de Samil, en Vigo, e non regresou á casa. Uns días despois, o seu corpo sen vida aparecía na beira dunha estrada do Rosal. A autopsia non atopou signos de violencia, pero había certas pistas sobre a posibilidade de que fora asfixiada.
A familia de Déborah pediu a reapertura do caso hai uns anos agarrándose a esa posibilidade, pero a cousa quedou sen resposta outra vez. Chamaron de novo varias testemuñas, sen éxito. Exhumaron o corpo de Déborah para buscar posibles coincidencias co seu ADN. Tampouco atoparon nada.
Púxose o foco no que foi o único investigado na causa, o exnoivo da vítima, que tamén quedou libre sen cargos.
Tamén se puxo énfase en analizar o teléfono móbil de Déborah, pero 22 anos despois non se atopou nada nel, tras un proceso no que se puxo en dúbida a correcta custodia do aparello e a dilixencia dos axentes de policía que levaron a investigación. As mesmas críticas que suscitou a análise do disco duro do seu ordenador, que a Garda Civil concluíu 21 anos despois do crime que fora manipulado.
Agora, 22 anos despois, o Xulgado de Instrución número 2 de Tui deixa arquivado definitivamente o caso, sen resposta. Hai catro meses a titular dese xulgado xa procedía ao arquivo provisional nunha resolución que destacaba que “nin os testemuños solicitados, nin a práctica da exhumación do corpo da vítima, nin a inspección dun cofre conxelador propiedade no seu día do investigado”, produciron “ningún resultado positivo para a investigación”, como tampouco o fixo a análise do móbil.
Para daquela a familia xa se dera por vencida. "Afogados pola indefensión", aseguraban, pediran o sobresemento do caso. A nai de Déborah, xa hai máis dun ano, sinalaba nun comunicado que "a xustiza non nos ampara". Eles mesmos pechaban a porta da investigación xudicial, aínda que os seus propios avogados aseguraban que "non quere dicir que non se vaia seguir traballando".