Publicador de contidos
Publicador de contidos

A familia dunha das vitimas do naufraxio do Argos denuncia a falta de información

A familia dunha das vitimas do naufraxio do Argos denuncia a falta de información

O tío de Santiago Leyenda di que ninguén os mantén informados sobre a repatriación do corpo do cociñeiro

O avión cos falecidos do Argos Georgia voa esta tarde cara a Inglaterra

G24.gal 30/07/2024 13:31

A familia de Santiago Leyenda encara o loito coa impotencia de no ter información sobre a repatriación do corpo do cociñeiro de corenta anos morto no naufraxio do Argos Georgia.

Fernando Leyenda, tío da vítima, conta: "Nós non pedimos que se faga máis do que se pode facer, pero polo menos que se nos informe. Sabemos que eles tiñan información que non nola pasaban. Por exemplo, cando foi do avión, cústalles moito chamar a familia e dicir: oe, mira, que dous españois non lles deixan... porque que as autoridades inglesas din que non os poden deixar, pero non...".

A viúva, os dous fillos e os pais están arroupados por unha familia que se mantén forte malia a falta de información. Contan con poder despedir a Santiago esta semana.

Relata Fernando: "É unha agonía todos os días estar pendentes de se vai ser o luns, o mércores, esta semana ou a que vén. A familia non pode estar así esperando... Xa sabemos que moita información depende dos ingleses, pero se hai moitas que lles consta e non din nada".

Engade: "O cónsul, ou quen sexa, alguén, terá que saber, porque non é unha cousa dun particular que estea preguntando a un goberno, é entre gobernos, hai unha diplomacia, ten que haber unha información".

Así o indicou o representante do Goberno despois dun acto da Policía Nacional en Galicia que se celebrou en Vigo, en que lembrou na súa intervención as vítimas do naufraxio.

Todos son preguntas sen resposta: "Tamén como vai ser a repatriación, se vai ser a armadora, a aseguradora, o Goberno... ou se temos que ir nós buscalos alí. Imaxino que non, pero é que non sabemos", di con mágoa o tío de Santiago Leyenda. 

A familia afúndese entre a tristeza, a impotencia e a desinformación.

"Como me dicía meu irmán, xa un non está preparado para enterrar un fillo, e ademais desta maneira... Pero ademais, aínda ter que estar esperando que se é mañá, que se é pasado, que o outro día... Iso é o que te acaba de matar", remata Fernando Leyenda.

O avión cos nove falecidos que deixou o afundimento parte á primeira hora desta tarde cara a Inglaterra, segundo avanzou este martes o delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco.

O avión trasladará os corpos dos tripulantes falecidos, entre eles,o de Santiago Leyenda e o de César Acevedo, veciño de Vigo e patrón de pesca do barco.

Acevedo e Leyenda non puideron ser repatriados a España a pasada fin de semana polos protocolos esixidos polas autoridades británicas e, como o resto dos que perderon a vida na traxedia, serán trasladados a Oxfordshire, en Inglaterra.

En canto aos catro desaparecidos no mar, entre eles dous galegos, mantense o operativo de procura e rescate, detallou Blanco. "Estamos en contacto coas familias, tanto dos falecidos como dos desaparecidos, como dos que están en terra", engadiu o delegado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade