A Festa do Pan de Carral máis longa da súa historia remata achegando a tradición á mocidade
A Festa do Pan de Carral máis longa da súa historia remata achegando a tradición á mocidade
As oito panaderías que participaron din que superaron as previsións
Foron catro días de festa e desde a Asociación de Panadeiros fan balance da presente edición da Festa do Pan de Carral. Din que sobrepasaron toda previsión.
"Somos oito panaderías e multiplica 250 bolas por cada unha e uns vinte ou trinta bolos tamén por cada", detalla Manuel Rodríguez, presidente da asociación.
A cultura do pan de Carral pasou de xeración en xeración. Comezou sendo oficio de panadeiras. Hoxe en día é de homes. O seu segredo, dinnos, a calidade das fariñas, os formentos e a auga.
"Estamos no medio de dúas montañas, o monte Xalo e mais as Travesas. Aí hai mananciais de montaña que veñen ao río Barcés", explica o presidente da Asociación de Panadeiros.
Xunto á exposición e venda de pan, a festa sempre inclúe actividades para achegar as xeracións máis novas á tradición panadeira. Manuel, sétima xeración de panadeiros, considera vital non perder o saber do oficio e propón a creación dunha escola no concello.
"Panadeiros coma min e outros que van xa case na idade de xubilarse que poidan ensinarlle á xente que queira aprender o oficio". E seguir mantendo así un dos sinais de identidade da vila.